A Escola María Vinyals analizará o falso mito da libre elección das mulleres

A actividade celebrarase o vindeiro día 12 a través de plataformas online
Presentación da iniciativa de igualdade 'A maleta dos océanos'. DP
photo_camera Presentación da iniciativa de igualdade 'A maleta dos océanos'. DP

A reflexión sobre o falso mito da libre elección das mulleres será o tema que centre a próxima xornada da Escola de Igualdade María Vinyals da Deputación, unha actividade que se celebrará o vindeiro día 12 a través de Zoom e por streaming a través de www.depo.gal.

Así o anunciou este xoves a presidenta provincial, Carmela Silva, quen denunciou que "ningunha muller é prostituta por libre elección", senón que "fano as máis vulnerables vencelladas á trata", ao igual que "ningunha vende o seu corpo para os ventres de alugueiro, tamén o fan as máis vulnerables; e ningunha toma decisións sobre o seu corpo de forma libre". A dirixente provincial reivindicou que, ao igual que as restriccións pola Covid-19 obrigan a pechar bares e restaurantes, pechen tamén os prostíbulos. "Indígname ver que seguen abertos. Hai que pechalos e para sempre", dixo.

A xornada, titulada Libres? Cosificación do corpo das mulleres, comezará coa conferencia Violencia contra as mulleres: entre a negación e a banalización da psicóloga e profesora Carmen Delgado; a profesora de Socioloxía de Xénero Rosa Cobo falará de Pornografía. O pracer do poder; Yolanda Domínguez, recoñecida polos seus traballos Poses ou Rexistro, centrarase en Cambiar as imaxes para cambiar o mundo; e a xornalista Anais Bernal falará sobre a Normalización da cosificación do corpo das mulleres nos medios de comunicación. A inscrición xa está aberta en www.depo.gal.

Ademais desta xornada, a Deputación tamén presentou o xoves unha segunda iniciativa de igualdade, A maleta dos océanos, impulsada coa Universidade de Vigo e dirixida aos centros de ensino da provincia.

Tal e como explicou Carmela Silva, o obxectivo deste proxecto, que inclúe seis propostas didácticas con temáticas adaptadas a todas as etapas educativas, é "poñer en valor o papel destacado das mulleres do mar, rachando coa invisibilidade á que están sometidas e dando a coñecer o importante papel que desenvolveron e están a desenvolver". Silva agradeceu o traballo da coordinadora do proxecto, Mari Lires, e do seu equipo da Universidade: Alba Rego, María Lorenzo e Xabier Álvarez.

Pola sua banda, Lires fixo fincapé na estreita relación desta inciativa cos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable.

Comentarios