A escola de Verducido solicita recuperar a segunda mestra de infantil

Alegan que o número de alumnos mantense no mesmo nivel que os últimos 17 anos
Protesta das familias do EEI Verducido. GONZALO GARCÍA
photo_camera Protesta das familias do EEI Verducido en 2019. GONZALO GARCÍA

A escola de Verducido vén de solicitar formalmente á Consellería de Educación a recatalogación como Centro de Educación Infantil e Primaria e a recuperación da segunda mestra de infantil suprimida o pasado curso. Alegan que non está xustificado o recorte, porque levan mantendo a matrícula dende hai 17 anos en torno a 30 alumnas e alumnos (con mínimos puntuais de 23 e ata máximos de 37). "En todo este período o profesorado foi sempre de 2 mestras de infantil e 1 mestra para os dous cursos de primaria", explican nun comunicado.

En xuño de 2004 cambiouse a denominación de Centro de Educación Infantil e Primaria (tipo E) a Escola de Ensinanza Infantil (tipo R) con suplemento de primaria. "Tempo despois descubriuse a verdadeira intención desta denominación: cambiar o nome para, despois, ir eliminando recursos co último obxectivo de facer desaparecer unha escola rural máis", denuncian no seu escrito.

No pasado curso anunciouse a supresión dunha das aulas de infantil, unha das dúas prazas fixas de mestra. "Suprimiuse a 3ª profesora cando non variou nin a normativa nin a situación do centro. Alegouse baixada de natalidade, pero os datos din que a matrícula (29 alumnos) segue na media dos últimos 17 anos", reproban dende a comunidade escolar de Verducido.

Ao respecto, sinalan que o Consello Escolar do Estado indica que non se debe suprimir ningunha aula de escolas rurais que teña un mínimo de 8 alumnos. A súa vez indican que a ratio media das escolas públicas galegas é de 9.8 alumnos por cada docente (dato do curso 2015-2016), ratio que se superaría na escola de Verducido no caso de ter tres mestras.

Comentarios