Escolas da Unesco e a Federación Galega de Fútbol súmanse a Edugal

O Salón de Oferta de Educacion e Formación de Galicia celebrarase no Recinto Feiral do 12 ao 14 de febreiro e contará con 56 stands
Intervención de Soto. Á súa dereita, Blanco, Corujo, Márquez e Pereiro na rolda de prensa. GONZALO GARCÍA
photo_camera Intervención de Soto. Á súa dereita, Blanco, Corujo, Márquez e Pereiro na rolda de prensa. GONZALO GARCÍA

Inclusión e sostibilidade son dúas das características que marcarán a novena edición de Edugal, o Salón de Oferta de Educación e Formación de Galicia, que se celebrará a vindeira semana no Recinto Feiral de Pontevedra. Organizado pola Asociación da Mediana e Pequena Empresa (Aempe), o seu obxectivo é seguir servindo de nexo entre a formación e o mundo laboral. Permanecerá aberto, con entrada de balde, os días 12, 13 e 14 de febreiro e contará con 56 stands que proporán numerosas opcións académicas de ensinanzas medias, de FP, universitarias, etcétera.

Non só iso, senón que tamén contará por primeira vez con entidades como a Rede de Escolas Asociadas da Unesco ou a Federación Galega de Fútbol. Tamén estarán a Escola de Adestradores e o Comité Galego de Árbitros.

A presentación tivo lugar onte na sede de Aempe co seu presidente, José María Corujo, e a vicerpresidenta, Conchi Pereiro, directora de Edugal. Non faltaron a concelleira de Promoción Económica e Universidade, Yoya Blanco, que apoia este evento; Luisa Márquez, coordinadora estatal das Escolas da Unesco; e Jorge Soto, vicerreitor do campus de Pontevedra.

Na relación de novidades figuran tamén o Servizo Público de Emprego estatal (SEPE) e a Fundación Pública Galega da Formación para o Traballo.

A Escola Superior de Arte Dramática de Galicia, vella coñecida, desenvolverá un obradoiro de interpretación, mentres que o Conservatorio de Música Manuel Quiroga, realizará tanto o concerto de inauguración como o de clausura, a última hora da mañá do venres 14, xusto ao remate do showcooking Resaboreando a mesa do Oroza, no que o CIFP ofrecerá solucións gastronómicas para aproveitar a comida.O IES Frei Martín Sarmiento levará a cabo unha actividade de Oratoria. Non faltarán talleres de hostalería, audioloxía protésica, confección e moda, panadería e pastelería e ata de hixiene bucodental e próteses dentais. Tamén debutarán outros IES con propostas como o ciclo de construcións metálicas do IES de Valga ou o de Proxectos de Edificación do Torrente Ballester ou o colexio Eduardo Pondal de Cangas, cun taller de reciclaxe.

Corujo destacou que a velocidade da sociedade fai complicado ofrecer propostas académicas que continúen sendo actuais e ofrezan oportunidades laborais cinco anos despois, mentres que Yoya Blanco coincidiu en destacar a importancia de dirixirse cara unha educación inclusiva e sostible. Desto sabe Luisa Márquez, xa que as Escolas Asociadas da Unesco que coordina a nivel estatal participan para defender obxectivos sustentables, inclusivos e equitativos. "Hai tres plataformas mundiais de profesorado, alumnado e familias que están traballando pola educación que queremos, inclusiva, de calidade e durante toda a vida" enfocada a acadar un emprego de calidade. Pola súa banda, Conchi Pereiro subliñou a gran participación das universidades galegas.

UVigo. Posto para 18 centros e 9 charlas de orientación
A Universidade de Vigo terá unha presenza destacada con 18 stands de facultades e escolas dos tres campus. "Consideramos que este é un evento importante, para nós é necesario facer difusión da nosa actividade e dos estudos que se imparten na Universidade", salientou o vicerreitor do campus, Jorge Soto.

Ademais destes 18, outros tres participarán nas nove charlas de orientación universitaria que se celebrarán nas diferentes xornadas do salón, correspondentes aos ámbitos de enxeñaría e arquitectura, ciencias sociais e xurídicas, ciencias da saúde, ciencias e artes e humanidades. A UVigo "vai ser unha parte importante desta feira", subliñou Soto, que definiu Edugal como un "trampolín" no que a institución pode "mostrar o que facemos a aqueles alumnos que queren coñecer a nosa oferta académica". Nese senso, subliñou que Edugal permitirá amosar "que a nosa Universidade ten un potencial importante" e lembrou que o campus de Pontevedra conta este curso cunha taxa de ocupación nas prazas de novo ingreso de preto do 105%, "o que significa que os graos teñen calidade, moi boa docencia e moi boa investigación, e iso tamén hai que poñelo en valor".

Ao igual que en anteriores edicións, os stands combinarán a achega de información das súas titulacións con actividades que contribúan a dar a coñecer os ámbitos de aplicación dos seus estudos.

Ademais, no stand institucional da Universidade sumarase ao Servizo de Información a Estudantes a Área de Emprego e Emprendemento, nunha edición marcada por unha maior incorporación do "mundo do emprego á feira", como explicou o presidente de Aempe, José María Corujo.

Comentarios