As escolas infantís inician o curso con déficit de prazas públicas

O alcalde de Pontevedra pediu onte máis centros de titularidade pública á Xunta pero esta cre que os que hai son suficientes

Los pequeños del centro A Galiña Azul de la Xunta. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Os pequenos do centro A Galiña Azul da Xunta. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

O curso escolar comezou este mércores para 424 nenos e nenas da cidade matriculados nas escolas infantís da Xunta de Galicia, tanto as adscritas á Xerencia do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar como as que dependen directamente da Axencia Galega de Servizos Sociais. Aínda que a Consellería de Política Social non facilitou o mércores os datos do número de familias que quedaron sen praza, o certo é que tras a publicación das listas provisionais de admitidos no principio do ano quedaban fóra dos centros públicos 134 familias que solicitaran praza. Deles, algúns poderían conseguir acceder a algún do centro se se produciu algunha renuncia por parte dunha familia admitida.

Dar cobertura ás persoas que queren conciliar mediante unha rede de escolas infantís públicas ou que estas coexistan coas privadas mediante a adxudicación de axudas para pagar a matrícula e mensualidades. Esa é a cuestión que enfronta dúas formas de ver a forma na que as institucións axudan á conciliación. Así, na inauguración do curso escolar nestes centros na xornada do mércores producíronse declaracións atopadas por parte de diferentes políticos.

Por unha banda, o alcalde de Pontevedra, que acudiu á Escola Infantil da Parda acompañado da edil de Educación pediu á Xunta máis esforzos para ampliar os centros e as prazas públicas na cidade. "Indiscutiblemente a demanda é superior á oferta porque, afortunadamente, Pontevedra sempre foi un concello con crecemento vexetativo positivo ata este ano, aínda que esperamos que nos próximos anos continúe crecendo", explicou Miguel Anxo Fernández Lores.

Lores, na escola infantil da Parda. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

Por outra banda, o delegado da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, que acudiu ao comezo do curso na escola infantil da Parda, indicou que "a idea é non crear máis garderías porque, entre as prazas da Xunta, as municipais e as privadas conseguimos cubrir as necesidades. Ademais, houbo anos nos que sobraron prazas". Deste xeito, o modelo que defende a Xunta combina as prazas públicas coas privadas, nas que as familias reciben unha axuda económica por parte da Administración autonómica para facer fronte ao pago das mensualidades destas últimas. Trátase do Bono Concilia, que oscila entre os 45 e os 250 euros mensuais en función dos ingresos da familia. A aceptación desta axuda fai que as familias demandantes de praza nos centros públicos sexan automaticamente eliminadas da lista de espera para acceder a eles. Tamén nas escolas infantís públicas as familias pagan unha cantidade ao mes que varía en función da renda.

GASTOS. O prezo das escolas infantís privadas oscila entre os 180 e os 230 euros en función das horas que o menor permaneza no centro. Ademais, o servizo de comedor e merenda eleva o custo mensual uns 150 euros máis.

Así, os nenos e nenas que necesiten pasar máis tempo nas escolas infantís poden chegar a supor un gasto de preto de 400 euros para os seus pais, mentres o Bono Social cobre só ata 250. A isto hai que sumar que as familias con nenos e nenas máis pequenos -que se incorporarán á escola a mediados de curso xa que as súas nais aínda están de permiso de maternidade- teñen que pagar un mínimo durante os meses que non vaian ao centro en concepto de reserva de praza.

Educación. Centros temáticos
O cine e o mundo do mar serán os protagonistas ao longo deste curso nos centros da Xunta e A Parda, respectivamente.

Xunta
O centro está destinado a fillos de funcionarios da delegación da Xunta en Pontevedra en primeira instancia, pero tamén recibe a fillos de profesores. Ten 36 prazas e este curso os seus alumnos descubrirán a sétimo arte a través de traballos sobre este tema.

A Parda
A escola infantil da Parda é a máis grande de Galicia con 115 prazas. Este ano os seus alumnos traballarán a temática mariñeira, de modo que decoraron o centro con redes cedidas polos rederos de Landín, do porto de Marín. Unha das principais peticións do centro ao Concello (que se encarga das instalacións do mesmo) é a colocación dun toldo no patio que proporcione sombra.

Comentarios