A escultura de Soledad Penalta substitúe ao busto do Rei emérito na Deputación

Esta obra de arte foi elaborada en aceiro inoxidable, pesa case 100 quilos e ten 2,7 metros de alto por 2,10 metros de ancho
Presentación de la escultura. DP
photo_camera Presentación da escultura. DP

Unha escultura creada pola artista galega Soledad Penalta preside desde este xoves a escalinata central da Deputación de Pontevedra, lugar onde estaba situado ata hai pouco un busto en homenaxe ao Rei emérito, Juan Carlos I.

Esta obra de arte foi elaborada en aceiro inoxidable, pesa case 100 quilos e ten 2,7 metros de alto por 2,10 metros de ancho, segundo explicou a súa autora, que subliñou que a escultura simula un "gran abrazo" a todos os concellos da provincia.

O nome de todos eles foi manuscrito pola autora en cintas metálicas que caen da escultura "de xeito dinámico, con movemento e sen forzar", formando unha fervenza que simula a "protección" que exerce a Deputación sobre os municipios da provincia.

"Esta escultura representa o mellor da sociedade", destacou a presidenta provincial, Carmela Silva (PSOE), durante o acto de inauguración, xa que indicou que simboliza un mundo local "con inmensa capacidade de transformación".

César Mosquera (BNG) celebrou a retirada das homenaxes a Franco e Juan Carlos I

Con esta escultura, segundo Silva, "tapamos algo intolerable", unha gravación que enxalzaba "o peor momento da historia do noso país", relacionado co ditador Francisco Franco e, ademais, "rompe o protagonismo do masculino no espazo público".

O vicepresidente da Deputación, César Mosquera (BNG), celebrou a retirada dos homenaxes a Franco e Juan Carlos I, un acto que "pode parecer un detalle menor pero non o é", ao entender que se trata dun feito "moi transcendente, moi simbólico e moi potente".

Soledad Penalta é unha escultora especializada en obras de aceiro e metal que leva case 40 anos de traballo ás súas costas, tras formarse na Coruña, Barcelona, Italia ou Estados Unidos.

É, segundo destaca a Deputación de Pontevedra, unha das poucas mulleres artistas da súa xeración que traballou na obra pública, realizando pezas de gran formato e empregando materiais pesados como o aceiro ou o ferro.

Participou en numerosas exposicións individuais e colectivas e, en Galicia, hai pezas súas no parque escultórico da Torre de Hércules (A Coruña) ou no paseo marítimo do municipio pontevedrés de Baiona.

Comentarios