A esperanza do planeta está nas aulas

Un grupo de 21 escolares do CEIP Froebel participou nunha actividade de iniciación ao paddle surf e recollida de lixo nas augas do Lérez, despois dunha charla de Óscar García, de Coge3
Óscar García xunto a un grupo de escolares do Froebel subidos ás táboas de paddle surf, este luns nas augas do Lérez. DAVID FREIRE
photo_camera Óscar García xunto a un grupo de escolares do Froebel subidos ás táboas de paddle surf, este luns nas augas do Lérez. DAVID FREIRE

CAMBIAR a mentalidade dos adultos é case imposible, así que apostamos por sensibilizar aos pequenos para que as próximas xeracións cambien o mal que o fixemos nós". Quen di isto é Óscar García, surfista e fundador da asociación Coge3, que este luns estivo en Pontevedra para participar nunha actividade medioambiental con alumnado do CEIP Froebel.

Pedro Mariño: "O verdadeiro motor do cambio son os rapaces"

Coge3 naceu hai sete anos na Mariña luguesa coa premisa de aproveitar a práctica do deporte ao aire libre para recoller tres residuos por persoa e derivou na realización de campañas de voluntariado e de educación ambiental. A súa comunidade actual de seguidores e voluntarios supera as 10.000 persoas en España -onde a iniciativa foi pioneira- e no estranxeiro. Entre estes aliados figuran xa os 21 alumnos de 4º de Primaria que o luns subiron ás táboas de paddle surf dispostas pola firma pontevedresa Mission Surf despois de asistir no colexio a unha charla medioambiental de García, quen lles falou da contaminación causada polos plásticos, sobre todo os de un só uso, "que agora está de moda, pero contra a que nós levamos loitando quince anos".

Pasadas as doce do mediodía, a rapazada, de nove anos, subía ás táboas ben equipada cos traxes de neopreno, as pás e os ganapáns ("es un trabajo en equipo, unos reman y otros recogen la basura", explicábanlles os monitores) para dispoñerse a cazar o lixo que se agocha nas augas do Lérez, no contorno da ponte da Barca e as Corvaceiras. "Sobre todo cara a zona da autopista -subliñou García-, atopamos botellas, latas... Bastante lixo que a xente bota polas xanelas dos coches". Por atopar atoparon ata unha áncora antiga.

"A educación é fundamental" para revertir a degradación do planeta, sostén García. Iso pensan tamén no CEIP Froebel, onde varios proxectos do curso teñen moito que ver con este tema. "O verdadeiro motor de cambio son os rapaces", coincide Pedro Mariño, docente deste colexio e que tamén participou na actividade. "Buscamos a iniciación ao paddle surf e un traballo de cocienciación ambiental, empezando por impulsar un consumo máis responsable e ser un centro máis saudable".