A Estratexia Retorna 2020 facilitou que case 22.000 galegos regresaran a Galicia

A Secretaría Xeral da Emigración investíu máis de 20 millóns de euros en medidas específicas e a nivel autonómico executáronse 64 ► Tras ser prorrogado en 2021 por mor da covid-19, xa se está a traballar na nova estratexia para o periodo 2022-25
Tras voltar de China, Ramón Castro abríu na Estrada o seu propio proxecto empresarial. CEDIDA
photo_camera Tras voltar de China, Ramón Castro abríu na Estrada o seu propio proxecto empresarial. CEDIDA

A Xunta destinou máis de 20 millóns de euros en medidas específicas e outros 500 millóns de euros en distintas liñas transversais a través da Estratexia Retorna de 2020, coordinada pola Secretaría Xeral da Emigración, que facilitou que case 22.000 persoas integradas nunha familia galega retornada, puideran regresar a Galicia, aos cales habería que sumar os datos do 2021.

Este retorno permitiu o rexuvenecemento da sociedade galega, co regreso de máis de 12.700 galegos do exterior de menos de 45 anos, é dicir, o 58,70% do total.

A Estratexia Retorna aprobouse en 2018 con tres ideas básicas: o dereito dos galegos a retornar, o impulso á demografía da comunidade autónoma e a mellora da competitividade económica.

A Estratexia Retorna ten tres ideas básicas: o retorno dos galegos, o impulso á demografía e a mellora da competitivade económica

O obxectivo deste proxecto era axudar a conseguir o retorno de 20.000 galegos, unha cifra que se superou, e que, segundo a Xunta "de non ser pola pandemia da covid-19 sería moito maior".

Precisamente, foi a crise sanitaria a causa que motivou a necesidade de prorrogar a Estratexia ao longo de 2021, e se está a traballar na nova estratexia 2022-2025 que vai impulsar novas liñas baseándose nos resultados conseguidos e na experiencia adquirida.

RESULTADOS. O balance da Estratexia Retorna 2020 recolle a posta en marcha de 52 medidas, directas e transversais, que se ampliaron ata as 64, e que axudaron a que os galegos que residían no exterior tomaran a decisión de retornar, ben para estudar ou buscar un emprego, ou ben para poñer en marcha en Galicia o seu propio negocio. Estas medidas facilitaron o crecemento da poboación da comunidade autónoma e un saldo migratorio positivo en 2019 de máis de 17.000 persoas.

En 2020, a idade media do conxunto de persoas que chegaron a Galicia para fixar a súa residencia foi de 36,9 anos. Na mesma liña se manifestaron os datos educativos con máis de 10.000 alumnos procedentes do estranxeiro que forman parte dunha familia retornada que ingresaron no sistema educativo galego.

Entre os datos extractados deste balance cabe destacar que se creou unha única canle de información e asesoramento dixital, pioneira en España, o Portal Retorna, que superou xa as 100.000 visitas, así como a Oficina Integral de Asesoramento e Seguimento ao Retorno, descentralizada nas catro provincias, desde a cal xa se fixo o seguimento personalizado a máis de 6.500 familias.

A canle de información e asesoramento dixital, pioneira en España, superou xa as 100.000 visitas

Dentro das medidas directas postas en marcha pola Secretaría Xeral da Emigración cabe sinalar que se destinaron 6,8 millóns de euros ata 2021 ás familias retornadas para o seu proceso de integración en Galicia, colaborando así con 6.187 persoas.

Destináronse tamén 3 millóns de euros para apoiar a 500 emprendedores retornados no impulso do seu negocio, o que mobilizou un investimento de 25 millóns de euros que repercutiu sobre a economía galega.

No período 2018/2020 ofertáronse 700 bolsas formativas para que as mozas e mozos galegos residentes no exterior puideran estudar un mestrado ou un ciclo de formación profesional superior, aos que se destinaron 6 millóns de euros. Se temos en conta o ano 2021, o orzamento destinado a estas axudas ascendeu a case 8 millóns de euros, incrementándose a oferta ate as 900 prazas. Da análise da situación dos alumnos participantes nas primeiras convocatorias podemos afirmar que máis do 70% están a residir e traballar en Galicia.

A Estratexia Retorna 2020 ten coma obxectivo loitar contra o reto demográfico. o apoio ao regreso dos galegos o exterior e dos seus descendentes permite rexuvenecer a sociedade galega, dotala de experiencias enriquecedoras e potenciar as iniciativas empresarias e económicas de Galicia, traballando así por conseguir unha vantaxe competitiva da comunidade autónoma.

Tras voltar de China, Ramón Castro abríu na Estrada o seu propio proxecto empresarial. CEDIDA

Ramón Castro, beneficiario da Estratexia Retorna 2020:
"As axudas de Emigración tamén son positivas polas formacións e polos contactos"
A Estratexia Retona 2020 abríulle as portas a Ramón Castro para sacar adiante o seu propio proxecto empresarial. Este enxeñeiro mecánico nacido na Estrada confesa que as axudas para os emigrantes retornados "foron un empuxón" para lanzarse a iniciar o seu propio proxecto empresarial, algo que sempre tivo en mente.

Tras estudar Enxeñería Mecánica na Universidade de Vigo marchou a China, cunha bolsa do Igape, para traballar en materia de mobilidade eléctrica. Tras tres anos no país asiático voltou a Galicia en outubro de 2019.

"Estaba analizando as oportunidades de negocio que podía ter aquí e, en canto vin a convocatoria de axudas para que os emigrantes retornados abrisen a súa empresa, non o dubidei. Vin que era unha boa oportunidade porque podia arriscarme a emprender, algo que sempre tivera na miña mente", explica Castro.

O estradense está moi contento coa experiencia e fala moi positivamente da sua experiencia e da axuda que supuxo na súa traxectoria profesional a Estratexia Retorna 2020.

"Este programa é moi positivo, non só pola axuda económica que ofrece senón polos programas formativos, o acceso á Fundación Ronsel e os contactos que se establecen", di o estradense.

O seu negocio xira en torno a distribución de baterías para vehículos híbridos. "Agora mesmo os vehículos eléctricos están no punto de mira polo prezo da electricidade pero é un bo momento para elixir un coche híbrido", di Castro.

CAMBIO CULTURAL. Ramón Castro estivo tres anos en China e sinala que "é como estar noutro planeta". O enxeñeiro estradense confirma o xa sabido: "hai unha gran diferenza a nivel cultural e laboral entre España e China e é moi importante adaptarse as suas costumes. Os chineses son moi ríxidos e hai que saber lidiar con eles, non podes chegar ali e querer impoñer a tua cultura porque podes atoparte con moitos problemas", explica.

Deste xeito, Castro indica que a súa estadía no país asiático supuxo un "reto moi apaixoante".

A pesar de que a empresa naceu en A Estrada, ten nas cidades de Vigo e A Coruña os seus principais clientes.

Comentarios