Estudantes de Arquitectura proporán tres proxectos urbanísticos en Pontevedra

Presentarán ideas "realistas" para acometer na desembocadura do río Gafos, no espazo fronte ao pavillón municipal e na zona entre as pontes das Correntes e Santiago ►Proceden da Etsac, da Coruña
O encontro celebrouse no Teatro Principal. GONZALO GARCÍA
photo_camera O encontro celebrouse no Teatro Principal. GONZALO GARCÍA

Que actuacións urbanísticas se poderían executar na desembocadura do río Gafos, no espazo fronte ao pavillón municipal e na zona comprendida entre as pontes das Correntes e de Santiago? A esta cuestión deberá responder o alumnado do mestrado da Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña (Etsac).

Unha trintena de estudantes deste centro, xunto con docentes, visitaron este mércores Pontevedra co fin de afondar no seu modelo urbano e recibir "unha notable dose de información do mesmo" da man do director xeral de Urbanismo, Xosé Manuel Tato, e da arquitecta municipal Rosa Magdalena Fernández, segundo informou o Concello.

O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, recibiunos no Teatro Principal e ofreceulles un breve discurso introdutorio co fin de "facerlles entender a base do modelo da cidade e o mesmo estado no que se atopa hoxe a cidade", ademais de lembrar que os cambios "deben chegar da valentía de facer as cousas, da aposta por mellorar a vida das persoas en todos os niveis posibles".

O alumnado, pola súa banda, estudará e analizará estes tres puntos concretos da cidade. O obxectivo deste estudio é presentar unha serie de "proxectos realistas" para estes lugares, co fin de aplicar os seus coñecementos dun xeito práctico.

Nese sentido, non é a primeira vez que a Etsac traballa man a man co Concello de Pontevedra, e o profesorado confirmou que futuros traballos tamén tomarán como escenario a cidade do Lérez.

comentarios