Etiqueta Negra volve ao Recinto Feiral en decembro dous anos despois

A quinta edición desta feira celebrarase os días 10, 11 e 12 de decembro co obxectivo de relanzar e difundir o gourmet e delicatessen
Stand de la pasada edición de Etiqueta Negra. GONZALO GARCÍA
photo_camera Stand da última edición de Etiqueta Negra . GONZALO GARCÍA

Volve Etiqueta Negra. Logo de dous anos de agarda obrigada a causa da pandemia (a última edición celebrouse en 2019), a feira profesional Etiqueta Negra, Gourmet Galego e Innovación Inspiradora, impulsada pola Concellería de Promoción Económica e Turismo, regresará a Pontevedra en decembro.

Así o anunciou onte a concelleira Yoya Blanco, quen explicou que "esta quinta edición do evento desenvolverase cun dobre obxectivo: por unha banda, apoiar e axudar aos profesionais do sector a relanzar os seus negocios nestes momentos tan complicados e, por outra, continuar a difundir a excelencia dos produtos gourmet e delicatessen galegos".

Deste xeito, Etiqueta Negra 2021 celebrarase no Recinto Feiral durante os días 10, 11 e 12 de decembro e, tal e como destacou a edil socialista, "xa se iniciou a comercialización do seu espazo feiral, na que, como acontece desde a posta en marcha deste evento, primarase a singularidade, a orixinalidade e a maior calidade das referencias fronte á cantidade de expositores". "Queremos que a edición deste ano —subliñou a responsable de Promoción Económica— volva converterse nun éxito de asistencia, xere negocio para as empresas participantes e siga contribuíndo a destacar a singularidade, orixinalidade e máxima calidade dos nosos produtos".

A feira abrirá as súas portas coas medidas necesarias para garantir a seguridade de todos os expositores, profesionais e público visitante. Tanto a organización do certame como o propio Recinto Feiral de Pontevedra contarán cun plan de seguridade específico, seguindo as normas establecidas polas autoridades sanitarias.

Yoya Blanco considera que Etiqueta Negra "é xa unha cita consolidada para empresas e produtores do sector gourmet galego e profesionais da alimentación, a restauración e a distribución, así como para consumidores que valoran cada día máis o que degustan", manifestou.

Comentarios