En avaliación o que sería o primeiro parque eólico do municipio

Medio Ambiente estuda o proxecto para a instalación de catro aeroxeradores de 24 MW de potencia na zona do Castrove
undefined
photo_camera A zona do Monte Castrove onde se quere levantar o parque. R. FARIÑA

O Monte Castrove volve ser o obxectivo das enerxías renovables. Esta pequena montaña que serve de límite administrativo entre os municipios de Pontevedra, Meis, Barro e Poio, é o lugar elixido pola compañía Cadaval e Ventoso S.L. para a instalación dun parque eólico que suporía a chegada da primeira central destas caracteríaticas ao municipio de Pontevedra. O proxecto atópase en fase de Consultas Previas e Avaliación Ambiental.

No Documento Ambiental de Inicio presentado á Consellería de Medio Ambiente para a súa tramitación, a empresa contempla a montaxe de catro aeroxeradores, compostos cada un deles por unha torre tubular de 115 metros de alto e tres pas que abarcan un diámetro de 170 metros, cunha área de varrida de 22.697 m ². A potencia coa que contaría cada muíño eólico sería de 6 MW.

O proxecto soportaría un investimento total de 20.501.730,85 euros e xeraría unha produción media neta de 76.920 MWh/ano abastecendo de electricidade, segundo datos do Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE), a 13.846 familias.

A empresa promotora do parque destaca a redución das importacións de combustibles e emisións á atmosfera, a diversificación enerxética e o desenvolvemento económico e industrial como algúns dos factores que xustifican o seu proxecto. Así mesmo, estiman que durante o proceso de deseño e construción xeraríase emprego anual para 640 persoas.

Estímase que durante o proceso de deseño e construción xeraríase emprego anual para 650 persoas

Entre as obras que contempla o proxecto de Cadaval e Ventoso destacan a apertura de accesos a partir da infraestrutura viaria da zona para a construción do parque, escavación de zapatas e gabias, roza para a apertura de novos accesos e plataformas ou a montaxe dos aeroxeradores por tramos e atornillados sobre a base da cimentación. Nesta primeira fase tamén incluirían a implantación dun tendido eléctrico e a instalación dunha obra de drenaxe transversal (ODT).

Non é a primeira vez que as empresas de enerxía eólica fixan os seus ollos no Castrove. En 2012 a empresa caldense Renoveurysa S.A. proxectou tamén un parque con dous aeroxeradores que finalmente non prosperou. A súa tramitación xerou certas desconformidades cos veciños da zona.

A provincia de Pontevedra conta na actualidade con 26 parques eólicos en funcionamento, cunha suma total de 611,02 MW. De todos eles O Couto de San Sebastián, situado na Estrada, e Monte Carrio, en Lalín, son os que teñen unha maior magnitude e consumo.

No último ano a Xunta de Galicia rexeitou 39 proxectos para a instalación de parques éólicos, 9 destes na provincia de Pontevedra. Salvo o parque eólico Cima da Vila, rexeitado por superposición con outro parque en tramitación, todos eles non prosperaron debido á premisa de pertencer ao Plan sectorial eólico de Galicia e non aos espazos da Rede Natura.

Comentarios