Os expertos calculan que a cepa británica xa provoca o 25% dos novos contaxios na área

Sanidade non descarta que, a finais do mes de marzo, unha de cada dúas infeccións proveña xa desta variante do coronavirus
Un
photo_camera Un test realizado en Vilalonga. GONZALO GARCÍA

A evolución da pandemia está a facer bos os prognósticos sobre os que os epidemiólogos levan días alertando. Alcanzado o pico do denominado efecto nadal, a maior preocupación agora é medir o impacto das novas cepas do coronavirus entre a nova poboación infectada. Se hai pouco máis dunha semana os servizos sanitarios calculaban que entre un 10 e un 12% dos novos contaxios estaban directamente relacionados coa variante británica da covid-19, esta proporción podería estar a roldar xa o 25%.

Así o estima Miguel Álvarez Deza, xefe do Servizo de Alertas Epidiomiológicas da área sanitaria de Pontevedra. Segundo os seus cálculos, polo menos un de cada catro casos novos que a pandemia está a deixar na comarca proveñen desta cepa. Pola contra, non consta na área de Pontevedra ningún caso provocado polas variantes surafricana ou brasileira, cepas das que xa se detectaron pacientes noutras zonas de España.

Esta percepción, aínda que aparentemente alarmante, coincide coas previsións que xa manexa desde hai días a Consellería de Sanidade. O propio titular deste departamento autonómico, Julio García Comesaña, admitía nunha entrevista en Diario de Pontevedra que, a finais de marzo, o 50% dos novos casos de coronavirus en Galicia poderían estar vinculados directamente coa galopante cepa británica.

O avance na vacinación e o aumento de probas serológicas e PCR tratarán de mitigar este efecto, detectando o maior número posible de asintomáticos e illando ao máximo aos contaxiados e aos seus contactos directos.

Polo momento, a falta de verificar a evolución real destas cepas, os datos epidemiolóxicos da área sanitaria seguen mellorando, unha tendencia que se iniciou a finais da pasada semana, cando comezou a dobregarse unha curva de contagios que alcanzou o seu pico o pasado 3 de febreiro. Esa data, a comarca pontevedresa chegou aos 2.639 casos activos, a maior cantidade de pacientes desde que arrincou a pandemia en marzo de 2020.

Desde entón, as infeccións foron mitigándose ata alcanzar os 2.141 casos activos notificados o xoves, unha cifra similar á rexistrada na última semana de xaneiro, pero aínda moi lonxe do pico da pandemia na segunda vaga (novembro), cando nunca se chegaron a superar os 1.265 casos.

Durante a primeira onda da covid-19, a área de Pontevedra tivo un pico máximo de 450 contaxiados.

Comentarios