viernes. 15.11.2019 |
El tiempo
viernes. 15.11.2019
El tiempo

Extinguido o incendio rexistrado nunha nave téxtil de Pontevedra

O suceso provocou un impacto oloroso perceptible no centro da Boa Vila

Efectivos do Parque Municipal de Bombeiros de Pontevedra traballaron na mañá deste xoves nas tarefas de extinción do incendio declarado nun almacén de produtos téxtiles que Confeccións Gonzabel ten na Rúa Cordón, na zona de Lérez – concretamente nas proximidades de Juan Bautista Andrade–.

A rápida intervención dos servizos de urxencia municipais serviu para controlar as chamas e acoutalas á zona dun almacén, o que permitiu a súa extinción –nada sinxela dado o material almacenado que había na nave, las, tecidos e roupa, que tivo que ser separado un a un–.

A área na que se acha a maquinaria non resultou afectada, nin tampouco a que ocupaban os empregados no momento do lume. Si resultaron afectadas o fume algunhas vivendas da contorna da rúa e do resto da parroquia.

Foi un veciño o que alertou ao 112 ao fío das 9.30 horas de que saía fume do inmoble.

O sinistro provocou un impacto oloroso perceptible no centro de Pontevedra.

Ata o lugar tamén se desprazaron efectivos da Policía Local de Pontevedra para prestar apoio aos Bombeiros e proceder á evacuación dunha vivenda anexa, ocupada por dous octoxenarios.

Polo momento descoñécense as causas do incendio, aínda que as primeiras hipóteses apuntan a un curtocircuíto no momento de activar un dos interruptores.

Extinguido o incendio rexistrado nunha nave téxtil de Pontevedra