Facenda xa recada en Pontevedra o mesmo que antes da pandemia

A Axencia tributaria ingresou en abril 111,5 millóns na súa delegación local, fronte aos 44 que lograra en 2020. A caixa fiscal supera nun 1,3% á do mesmo mes de 2019
undefined
photo_camera O parón da actividade durante as restricións (na imaxe a hostalería local) e o confinamento marcaron a recadación tributaria. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

Coa única excepción do imposto que grava a actividade empresarial (Sociedades) e dos impostos especiais, que afectan o consumo de alcol, tabaco, hidrocarburos ou electricidade, o resto de tributos xestionados desde a Axencia Estatal na súa delegación pontevedresa non só recuperaron en abril, último mes computado, os niveis previos á pandemia, senón que aumentaron a súa recadación respecto ao mesmo período de 2019, último exercicio fiscal antes do desastre sanitario e económico no que o coronavirus situou a 2020.

RecadaciónA referencia de abril serve para comparar o grao de afectación da covid-19 na sociedade pontevedresa. Ese mes de 2020, xa coa poboación confinada e moitos negocios pechados ou limitados na súa actividade, a caixa da axencia tributaria en Pontevedra caía un 59,7%, cunha recadación de só 44 millóns de euros. Un ano antes, en abril de 2019, recadáronse 110 millóns na oficina fiscal local. Agora, o pasado mes de abril, a recuperación parece evidente. A Axencia Tributaria deixou atrás o desastre do 2020 e logrou superar a recadación de 2019 cun ingreso de 111,5 millóns de euros (un 1,3% máis que hai dous anos).

A recuperación nótase na fiscalidade relativa ao consumo. A desescalada logo dos meses de confinamento disparou os niveis de compra de bens e servizos das familias. O primeiro sinal que evidencia este cambio de comportamento é o IVE. En abril de 2019 este imposto recadou en Pontevedra 53,6 millóns de euros. Ao exercicio seguinte, en pleno estado de alarma, o IVE só achegou na delegación tributaria local 21,8 millóns (-59,3%). Este ano, o pasado abril, o IVE dos pontevedreses reportoulle a Facenda 58,2 millóns de euros, un 167% máis que en 2020 e un 8,6% por enriba do recadado no mesmo mes de 2019.

A outra gran fiscalidade relativa ao consumo das familias, os denominados Impostos Especiais, que gravan a venda de alcol, tabaco, carbón ou hidrocarburos, tamén seguía en abril deste ano un 79% por baixo do nivel que tivo en 2019. Entón recadáronse ese mesmo mes 270.000 euros en Pontevedra, e agora 107.000. En 2020, coa hostalería pechada por decreto e a mobilidade restrinxida ao máximo, os impostos especiais non achegaron recadación en Pontevedra.

En canto ao tributo que grava os ingresos de cada ano, o da renda das persoas físicas, caeu un alarmante 75,6% en abril de 2020, en pleno estalido da pandemia. Trátase dunha fiscalidade que se paga en función dos ingresos do ano anterior, 2019 neste caso, polo que esta caída ten máis que ver co atraso dos pagos a Facenda, ante a previsión dunha crise económica. É dicir, os contribuíntes optaron por presentar máis tarde a súa declaración ou fraccionar o pago ante a incerteza daquelas primeiras semanas de confinamento e parón de actividade.

O certo é que este ano se recuperou practicamente o nivel de 2019. En abril daquel exercicio a oficina tributaria pontevedresa recadaba 35,7 millóns, fronte aos 8,6 recollidos en 2020. O ano en curso, a caixa chegou en abril aos 35,4 millóns de euros.

Mención á parte merece a evolución dos impostos que gravan as importacións e exportacións, outro indicativo da actividade empresarial. Neste caso, a recadación en Pontevedra foi de 436.000 euros en abril de 2019. Ao ano seguinte, no inicio da pandemia a caixa esborrallábase un 11,4% ata os 386.000 euros. E no presente exercicio o mesmo imposto disparouse ata os 639.000 euros, un 65% por enriba da cifra de 2020 e un 46,5% máis que en 2019. Os expertos fiscais explícano pola necesidade de reactivación da produción en moitos sectores que conxelaran as súas operacións co exterior e a principios de 2021 volvéronas a retomar.

A hostalería pesa máis na comarca 
A escasa industrialización da comarca en relación a outras grandes conurbacións urbanas galegas, unida ao gran peso local da hostalería (sector que non puido traballar con normalidade durante case todo o último ano), provoca a efectos tributarios que Pontevedra obteña resultados de recadación situados por baixo da media galega. Así, mentres a caixa tributaria de toda a comunidade autónoma creceu o pasado abril un 27,5% respecto de 2019 no que afecta o Imposto de Sociedades, en Pontevedra este mesmo tributo recadou un 15,5% menos. 

Os Impostos Especiais, moi relacionados co sector da hostalería, o lecer, o transporte e a actividade industrial, ofrece proporcións similares. Mentres en Galicia a recadación do imposto que grava o consumo de alcol, tabaco, hidrocarburos e electricidade caeu en 188% en abril en relación ao mesmo dato de 2019, a situación en Pontevedra resulta sensiblemente peor, cunha recadación que resultou un 79% máis baixa que a obtida no exercicio de 2019.