Facenda recadou ata xullo 2,2 millóns ao día en Pontevedra, máis que antes do covid

Cidadáns e empresas da comarca achegaron ata xullo 462 millóns, 9 máis que en 2019. Os pontevedreses pagaron â?? Este ano 26,2 millóns máis de IRPF, mentres a facturación empresarial é hoxe un terzo da rexistrada hai dous anos
undefined
photo_camera A oficina local de Facenda pasou de recadar 1,9 millóns en 2020 a algo máis de 2,2 millóns este ano .

A crise instalada durante a pandemia ten un reflexo curioso na caixa de Facenda. Polo menos así ocorre na comarca de Pontevedra, onde as familias pagan máis, mentres as empresas ingresan menos. A oficina local da Axencia Tributaria, que recada boa parte dos impostos en case unha vintena de municipios da contorna, cobrou entre xaneiro e xullo deste ano 462,1 millóns de euros, o que promedia 2,2 millóns cada 24 horas.

Antes do estalido do covid, nos sete primeiros meses de 2019, a colecta foi 9 millóns máis pequena, de 553 millóns. O ano 2020, marcado polos confinamentos e as restricións á mobilidade, a achega tributaria caeu ata 408 millóns en Pontevedra.

O desconcertante é que os tributos que gardan relación coa renda das persoas son os que dispararon no presente exercicio económico os resultados da caixa fiscal comarcal. E mentres isto sucedía, os impostos relacionados coa facturación e as actividades empresariais seguen recadando aínda por baixo de 2019 e, nalgúns casos, como o Imposto de Sociedades, tamén por baixo do ano 2020.

O exemplo máis nítido é o do imposto sobre a renda das persoas físicas (IRPF). Aquí os mesmos cidadáns que deixaron na caixa da oficina local da Axencia Tributaria 184,2 millóns de euros entre xaneiro e xullo de 2019, antes do estalido do coronavirus, achegaron este ano ao "cepillo" de Facenda 26 millóns máis, ata os 210,4. En 2020, o exercicio marcado polo parón dunha boa parte das actividades, os ertes e os peches de moitas empresas, o IRPF dos sete primeiros meses quedou por baixo dos 179 millóns de euros.

E O mesmo sucede coa renda do non residentes na provincia, que achegaron este ano 2 millóns, fronte aos 1,7 que pagaran en 2019.

O IVE, outro imposto que garda unha relación directa co consumo, perdera 30 millóns de euros entre xaneiro e xullo de 2020 respecto do recadado en 2019. Pero neste ano recuperou íntegros os 30 millóns volatilizados no exercicio anterior.

Por contra, quen non achegaron ás arcas públicas o que viñan facendo ata agora son as empresas. O Imposto de Sociedades, que grava directamente as rendas empresariais, segue esborrallándose desde que o virus comezou a correr por todo o mundo.

Na oficina local de Facenda, as empresas deixáronse 28,2 millóns de euros entre xaneiro e xullo de 2019. Chegou a pandemia e as achegas fiscais das mesmas sociedades derrubáronse ata os 18,2 millóns de euros. E este ano, no que o Goberno fala xa de indicios de recuperación, o Imposto de Sociedades segue en picado cunha recadación que apenas pasa dos 7 millóns nos sete primeiros meses.

Se este tributo garda unha relación directa coa facturación empresarial, a conclusión é que esta caeu ata ser agora un terzo do que foi en 2019.

Cun comportamento similar aparecen os tributos que inciden sobre o tráfico exterior, que en plena pandemia (2020) achegaron ao cofre fiscal pontevedrés 5,1 millóns de euros ata o mes de xullo, e que este ano non pasan dos 5 millóns no mesmo período.

Ou os impostos especiais, unha tributación indirecta sobre algúns produtos entre os que están o alcol, o tabaco, os combustibles ou a matriculación de vehículos, pero tamén, por exemplo, o imposto sobre a electricidade. Neste caso, a recadación dos sete primeiros meses pasou de 502.000 euros antes da pandemia (2019) aos 545.000 euros do presente exercicio económico.

Comentarios