A 'Facultade Ágora' inicia nova etapa de formación sobre o espazo público

Un dos obxectivos que persegue é "que aos concellos non lles treman as pernas ante a decisión de restrinxir os coches"
Obradoiro celebrado no concello da Estrada. DP
photo_camera Obradoiro celebrado no concello da Estrada. DP

A 'Facultade Ágora' da Deputación comezou este xoves unha nova etapa de formación sobre o espazo público para que aos concellos da provincia "non lles treman as pernas ante a decisión de restrinxir os coches". Para iso celebrouse, da man da Rede de Cidades que Camiñan e o xeógrafo Marius Navazo, o primeiro Obradoiro Ágora ao que asistiron representantes políticos e técnicos de moi diferentes puntos de Pontevedra que abordaron de maneira práctica como mellorar o deseño urbano.

Segundo subliñou o deputado de Mobilidade e Espazos Públicos Uxío Benítez, a Deputación pretende "revolucionar o espazo público da provincia ampliándoo para as persoas". Para iso puxo en marcha a Facultade Ágora, que o ano pasado foi fundamentalmente teórica e multidisciplinar, e que neste exercicio pretende baixar á práctica e resolver problemas cotiás. "A teoría haina que aplicar. Todo o mundo está de acordo coa filosofía de recuperar o espazo público para as persoas, pero na práctica e á hora de tomar decisións concretas, tremen as pernas ante restrinxir os coches", insistiu.

O deputado salientou que a Deputación quere poñer sobre a mesa que hai máis concellos ademais de Pontevedra que están a traballar nunha boa dirección transformando os seus núcleos. Así, os Obradoiros Ágora celebraranse en diferentes localidades. A primeira sesión foi na Estrada, onde se analizaron as últimas actuacións de humanización e se debateron cales deberían ser as mellores fórmulas para que o espazo público sexa da máxima calidade.

METODOLOXÍA. A xornada desenvolveuse cunha metodoloxía innovadora. Inicialmente o grupo participante -sen coñecemento previo da localidade- realizou unha "deriva de observación" polo centro da vila, tirando fotografías de obras, de deseños urbanos ou de elementos que chamaran a súa atención, tanto dende o punto de vista positivo como negativo.

Despois chegou o momento no que o alcalde, José López Campos, e o técnico local Daniel Orrea explicaron as obras realizadas -entre outras a que está a recuperar máis de 2.800 metros cadrados para as persoas na Praza da Feira con fondos europeos e provinciais-, para finalmente rematar a mañá analizando os elementos construtivos e debatendo sobre as imaxes tomadas a primeira hora. Xa pola tarde o programa incluía unha visita comentada ás obras do lugar.

Comentarios