Falece un home atrapado por unha máquina de labranza en Ponte Cabras

A vítima, de 85 anos e veciño da parroquia pontevedresa de Alba, perdeu a vida ao mediodía do luns mentres traballaba
Zona de Ponte Cabras, en A Xunqueira de Alba. G. GARCÍA
photo_camera Zona de Ponte Cabras, en A Xunqueira de Alba. G. GARCÍA

Un home de 85 anos de idade faleceu este luns vítima dun accidente de traballo na zona de Ponte Cabras, na parroquia pontevedresa de Alba. O sinistro produciuse, segundo as primeiras hipóteses, despois de que o octoxenario quedase atrapado nunha máquina agrícola, ao engancharse a súa roupa na mesma.

Segundo informaron fontes do 112, este veciño de Alba perdeu a vida sobre o mediodía deste luns a causa do citado accidente cunha máquina agrícola fresadora.

Así o indicou ao servizo de urxencias a persoa que contactou co 112 Galicia para pedir axuda. A testemuña sinalou, ademais, que a vítima, xa sen sinais de vida, xacía no chan preto dunha fresa.

Ao lugar dos feitos acudiron profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, pero nada puideron facer por salvarlle a vida

AS CAUSAS. Posteriormente, e logo de facer as pertinentes investigacións, os axentes da Policía Nacional da Comisaría Provincial de Pontevedra concluíron de forma indiciaria que o falecido, o citado home de 85 anos, se quedara enganchado pola roupa á máquina, que o atrapou.

Ademais dos axentes de seguridade, ao lugar dos feitos acudiron profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, pero nada puideron facer por salvarlle a vida.

En concreto, o 061 enviou unha ambulancia de soporte vital avanzado cuxo persoal confirmou o falecemento no mesmo lugar do suceso do home, que respondería as iniciais de M.F.C.