Falece un motorista tras saírse da vía e chocar cun sinal en Pontevedra

O sinistro causou importantes retencións na PO-11
La moto accidentada. RAFA FARIÑA
photo_camera A moto accidentada. RAFA FARIÑA

Un veciño de Pontevedra de 46 anos faleceu este xoves na estrada PO-11, tras saírse da vía e chocar violentamente contra un sinal de tráfico, o que lle provocou a morte ao instante.

O tráxico suceso ocorreu poucos minutos antes das 19.00 horas, cando a moto (unha Honda Pan-European 1300 ST) tomou a rotonda de Celulosas e enfilou o tramo de autoestrada libre de peaxe que chega ata o nó do Pino. Por causas que se descoñecen, o piloto e único ocupante perdeu o control do vehículo e chocou contra a bionda central de cemento, o que lanzou polo aire o motorista, que acabou impactando contra un sinal. O golpe foi tan forte que lle causou unhas lesións letais, mentres que a moto se arrastrou varios metros.

Os equipos de emerxencias nada puideron facer por salvar a vida do ferido, polo que ata que se autorizou o levantamento do cadáver o accidente causou importantes retencións na zona. Ao lugar desprazáronse efectivos da Garda Civil de Tráfico para regular a circulación e operarios da Demarcación de Estradas.