Delgado Gurriarán contará con tres actos conmemorativos no Día das Letras Galegas

A Deputación celebrará un coloquio sobre o homenaxeado o Día das Letras Galegas, editará un cómic de O Garaxe Hermético e levará un espectáculo infantil por 35 concellos
Florencio Delgado no cartel da Deputación. DP
photo_camera Florencio Delgado no cartel da Deputación. DP

Un acto de homenaxe en Pontevedra, a edición dunha obra de banda deseñada da escola O Garaxe Hermético e a xira dun espectáculo infantil de Polo Correo do Vento por 35 concellos forman parte da programación arredor do Día das Letras Galegas que vén de facer pública a Deputación de Pontevedra.

O Pazo Provincial acollerá o mércores 12 de maio (19.00 horas) unha mesa redonda sobre o homenaxeado este 17 de maio: Florencio Delgado Gurriarán. Conducido pola xornalista Silvana Moril, no coloquio intervirán o biógrafo do poeta, Ricardo Gurriarán; o escritor e profesor de Lingua e Literatura Miro Villar, e a escritora, investigadora e tradutora Tamara Andrés. Tamén actuará a cantante Sheila Patricia, que interpretará pezas baseadas en poemas do homenaxeado. Para asistir é necesario inscribirse na páxina web da Deputación (depo.gal).

A deputada María Ortega considera que o autor homenaxeado este ano "é un exemplo de compromiso co país e de loita mesmo nas peores circunstancias", en palabras facilitadas pola institución provincial.

LIBROS. Para axudar a coñecer a vida e a obra de Delgado Gurriarán, a Deputación adquirirá unha serie de libros sobre o homenaxeado o Día das Letras, que distribuirá entre bibliotecas municipais e outros puntos de lectura.

A maiores, editará unha obra de banda deseñada sobre a vida e obra do escritor, realizada polo alumnado da escola que dirixe o debuxante Kiko da Silva, O Garaxe Hermético. Tamén será distribuída en centros de ensino.

Finalmente, a Deputación levará a 35 concellos da provincia un espectáculo infantil de Polo Correo do Vento que axudará aos máis pequenos a coñecer esta figura.libre ata completar cabida.