martes. 19.10.2021 |
El tiempo
martes. 19.10.2021
El tiempo

O falso inquilino de verán volve a hackear unha conta e leva 10.001 euros

La aplicación Bizum. CEDIDA
O estafador ofreceuse a abonar a cantidade a través dunha plataforma de pago online. CEDIDA
O estafador interesouse polo aluguer dun piso en Bueu anunciado nunha web  A vítima quere promover unha plataforma de afectados

A publicación neste xornal dunha estafa de 7.001 euros a un pontevedrés polo arrendamento dun piso turístico a un falso inquilino destapou novas fraudes cometidas con idéntico modus operandi e baixo a mesma identidade, polo que ninguén dubida de que se trata do mesmo delincuente.

Esta segunda vítima é unha familia de Vigo que anunciara no portal Milanuncios o aluguer dun piso en pleno centro de Bueu. "Contactou comigo en xullo a través de WhatsApp e díxome que serían dúas persoas e que o querían para setembro", explica Mariña B.M.

A moza mantiña varias conversacións simultáneas con potenciais clientes, polo que non reparou en que este individuo apenas mostrase interese nas características do inmoble e si na forma de pago do sinal. "Despois, revisando as conversas, xa me dei conta".

Unha vez pechado o trato, un tal Teodoro (mesma identidade utilizada para enganar ao mozo pontevedrés ,tamén a principios de xullo) ofreceuse a abonar a través de Bizum os 100 euros do anticipo, "pero traballo cun banco alemán online, o N26, e non dispón dese servizo", aclara a afectada.

A insistencia do inquilino empuxou á caseira a facilitarlle unha conta de Abanca, da que é titular o seu pai. Proporcionoulle os datos e, ao intre, el envioulle unha mensaxe cun enlace para poder pechar o traspaso.

O proxenitor, confiado, cumpriu o trámite e seguiu cos seus labores domésticos. Ao intre recibiu un email da entidade para alertarlle de que se produciu un acceso á súa conta. "Era o mesmo correo que che mandan cando entras dende un móbil ou un computador diferentes, así que non lle deu moita importancia".

Con todo, movido pola desconfianza, consultou o saldo e aí comprobou que se produciu unha transferencia de 10.000 euros a unha sucursal do Banco Santander en Madrid. Do mesmo xeito que ocorreu na outra estafa, Abanca cobrou un euro pola operación. "Aínda por riba de roubado", laméntase Mariña B.M.

Cando os afectados quixeron rastrexar o diñeiro, este xa fora reenviado a un banco estranxeiro. Ademais, o hacker cambiara as claves de acceso. A moza destaca que "o moi cuco agardou a que fose a unha e pico dun venres para meternos presa e que xa non dera tempo a facer xestións co banco".

VOLVEUNO INTENTAR. O rechamante deste caso é que o delincuente, con total acceso ás contas da familia, puido ver que dispuña doutra conta cunha importante cantidade de diñeiro, asociada a un quiosco que rexenta en Vigo. "Un mes máis tarde intentou acceder de novo. Conseguíu ou teléfono do negocio e acosou varias veces á empregada para que lle facilitase os datos. Púxose moi agresivo, pero non tivo éxito", explica a afectada.

Ambos os casos, tanto a estafa consumada como a frustrada, foron denunciados ante a Policía Nacional. Pero nin Martiña B.M. nin o seu pai volveron a ter noticias do diñeiro nin recibiron explicacións.

"Paréceme alucinante que haxa tanta protección coas estafas con tarxetas bancarias e non coas contas que te piratean. Abanca debería ter máis seguridade, porque na Comisaría dixéronnos que ou 90% deste tipo de estafas cométense sobre contas súas", critica.

Por este motivo, a moza insta a outros posibles afectados a facer unha fronte común para crear unha plataforma e iniciar accións xudiciais conxuntas. "Cantos máis sexamos, máis forza teremos".

O falso inquilino de verán volve a hackear unha conta e leva 10.001...
comentarios
ç