A familia Lino vende o Álbum Nós ao Museo de Pontevedra por 650.000 euros

"Enhorabuena a Pontevedra", dixo Enrique Domínguez no nome da familia. "Estamos orgullosos de que esta obra esté aquí. Estos dibujos debían quedarse en la ciudad"
Patricia e Enrique Domínguez, en primeiro termo, flanqueando ao director do Museo na sala de Nós. DAVID FREIRE
photo_camera Patricia e Enrique Domínguez, en primeiro termo, flanqueando ao director do Museo na sala de Nós. DAVID FREIRE

O desexo de Castelao cumprirase: o seu legado permanecerá no Museo de Pontevedra. A familia Lino era a propietaria do orixinal do Álbum Nós descuberto en 2016, segundo se vén de dar a coñecer no Sexto Edificio. E esta familia, que permanecía ata agora no anonimato, decidiu venderllo á institución museística por 650.000 euros. "Mi madre, María del Carmen Lino, quería que estos dibujos se quedasen en Pontevedra. Recibió varias ofertas de compra, rechazando todas ellas, incluso alguna más ventajosa de la que al final se acordó con la Deputación", explicou, no nome da familia, Enrique Domínguez. "Enhorabuena a Pontevedra. Estamos orgullosos de que esta obra esté aquí. Estos dibujos debían quedarse en la ciudad".

Realizadas entre 1916 e 1918, as 51 estampas que compoñen o Álbum Nós constitúen unha obra fundamental da cultura galega. "É extraordinaria, importantísima. Unha peza única e singular", en palabras do director do Museo, Xosé Manuel Rey. Desaparecidas tras a Guerra Civil, os conservadores Ángeles Tilve e José Manuel Castaño localizaron o orixinal de Nós mentres preparaban, en 2016, a exposición 'Meu Pontevedra'. Agora desvelouse que o atoparon na casa de María del Carmen Lino, que conservaba os debuxos pensando que se trataba dunha copia. Os conservadores contactaron con ela sabedores da relación que o seu pai, José Lino, mantivo con Castelao. Enrique Domínguez lembrouno así: "Mantenían una estrecha relación de amistad y confianza. Ambos eran asiduos de las reuniones en la casa de Antón Losada y ambos también fueron miembros del Partido Galeguista. José Lino, abogado de profesión, se encontraba entre las personas del círculo más cercano y de confianza de Castelao". A maiores, Lino era o propietario do piso da Rúa da Oliva na que Castelao e a súa muller, Virxinia Pereira, viviron en aluguer. "Fue en una de sus habituales visitas donde Castelao le regaló las 51 láminas".

Enrique e Patricia Domínguez foron os encargados de comparecer no Museo de Pontevedra, xunto ao vicepresidente da Deputación, César Mosquera, e ao director da institución, para informar sobre os datos da compra-venda do Álbum Nós. Pertencen a unha coñecida familia de Pontevedra da que tamén forma parte a tenista Lourdes Domínguez, entre outros. "La familia entendía que lo más importante y lo más relevante en todo este tipo era poner a disposición de todos los pontevedreses y de todos los ciudadanos la posibilidad de disfrutar de estos dibujos, algo que quería tanto Castelao como mi abuelo, siendo la cuestión de la titularidad secundaria".

Nós: 49 estampas fundamentais na historia de Galicia
O Museo de Pontevedra mercoulle á familia Domínguez Lino 51 estampas orixinais: as 49 que conforman o álbum Nós, máis o autorretrato e o ex libris que Castelao incluíu na colección.
Nós é a primeira gran serie de debuxos que realizou o de Rianxo. Hoxe está considerada unha peza clave na súa traxectoria e unha obra fundamental na historia de Galicia. Os debuxos foron realizados entre 1916 e 1918 e expuxéronse por primeira vez en 1920 na Coruña. Despois de mostralos en diferentes cidades galegas e españolas, en 1931 publicouse un álbum con eles. "O álbum Nós foi moito máis que un evento de arte. Foi o redescubrimento dun pobo, que leva o drama de vivir ás costas. Foi unha campanada, a máis forte e a máis fonda, que se deu na conciencia colectiva. Foi un estremecemento social que viría destinado a soerguer o espírito de Galicia", dixo Valentín Paz Andrade.
No Museo, Nós fica ao carón da outra gran serie de debuxos realizada por Castelao, a dos Álbums da Guerra: Galicia Mártir, Atila en Galicia e Milicianos. 

 

Unha gran saga familiar pontevedresa
María del Carmen Lino, Macamen, é a muller que tiña na súa casa o Álbum Nós. Filla do amigo persoal de Castelao José Lino, hoxe é a matriarca dunha gran saga familiar pontevedresa. Está casada co empresario Enrique Domínguez, durante moitos anos á fronte de fruterías Domínguez (xunto ao seu irmán Vicente), e teñen dez fillos, entre os que están a tenista Lourdes Domínguez: o ex xogador de balonmán Coté Domínguez; e o fundador e presidente da agrupación folclórica Celme, Enrique Domínguez, que foi precisamente o encargado de falar onte en nome da familia no Sexto Edificio. 

Comentarios