As familias aforrarán ata 2.000 euros por neno coa educación infantil gratuíta

Rueda realizou este martes a súa primeria visita oficial a Pontevedra como presidente da Xunta e elixiu a E.I. de Campolongo, na que falou da medida que Galicia aplicará de xeito pioneiro no Estado
Rueda compartiu varios momentos coas crianzas da escola infantil de Campolongo mentres realizaban actividades. DP
photo_camera Rueda compartiu varios momentos coas crianzas da escola infantil de Campolongo mentres realizaban actividades. DP

A Escola Infantil de Campolongo foi o lugar no que Alfonso Rueda realizou a súa primeira visita oficial á cidade de Pontevedra desde que se estreou como presidente da Xunta de Galicia. O dirixente do Goberno galego escolleu este centro público autonómico para falar da gratuidade da educación infantil na comunidade, unha medida que, segundo dixo, contribuirá á economía dos fogares, cun aforro anual medio de entre 1.500 e 2.000 euros por neno.

Acompañado pola conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, Rueda incidiu o martes en que Galicia será a primeira comunidade autónoma de España na que a educación infantil (de 0 a 3 anos de idade) será 100% gratuíta, xa sexa en centros públicos, en privados ou de iniciativa social.

Logo de precisar que esta iniciativa suporá un orzamento anual de 50 millóns de euros e beneficiará a máis de 30.000 pequenos, o titular do Goberno galego aseverou que "este esforzo inversor non podía chegar nun momento máis necesario, no que os prezos volven subir", dixo.

"A iniciativa suporá un orzamento anual de 50 millóns de euros e beneficiará a máis de 30.000 pequenos"

"Esta é a Galicia que queremos impulsar, a que coida á súa xente desde o berce ata o bastón", engadiu o presidente da Xunta, cuxa visita ao centro educativo de Campolongo coincidiu coa publicación das listaxes definitivas de todas as crianzas admitidas nas 174 escolas infantís que compoñen a rede autonómica.

LISTAXES DE ADMITIDOS. Este ano foron aceptados un total de 8.000 nenas e nenos. E os pais ou nais dos cativos terán desde este mércores ata o vindeiro día 10 de xuño para formalizar a súa matrícula (a listaxe pódese consultar na páxina web da Consellería de Política Social e Xuventude).

"Esta é a Galicia que queremos impulsar, a que coida á súa xente desde o berce ata o bastón"

Despois de percorrer as instalacións da escola pontevedresa, Alfonso Rueda aseverou que o Executivo galego seguirá "comprometido coas familias" e puxo como exemplo a posta en marcha de iniciativas como o Bono Coidado, a Tarxeta Benvida e as casas niño para dar servizo aos pequenos concellos.

Destas últimas, precisou que actualmente están operativas 89 e está a piques de resolverse unha nova convocatoria, que permitirá chegar ás cen.

Comentarios