As familias contan... e moito!

O CEIP A Carballeira impulsa un proxecto para involucrar a nais, pais, avós e avoas na actividade lectora ► O propio alumnado protagonizará unha campaña de animación previa durante xaneiro e febreiro
Charo Martínez, docente e coordinadora da biblioteca do colexio, cun grupo de escolares de Infantil. GONZALO GARCÍA
photo_camera Charo Martínez, docente e coordinadora da biblioteca do colexio, cun grupo de escolares de Infantil. GONZALO GARCÍA

As familias contan é o título do proxecto que está a poñer en marcha o CEIP A Carballeira (Lourizán), despois de ser seleccionado con outros 49 centros educativos galegos para impulsar a iniciativa Lectura e familias. Os colexios participantes, que están integrados no Plan de Mellora Bibliotecas Escolares (Plambe) da Consellería de Educación, recibirán 2.500 euros cada un para desenvolver o proxecto. O obxectivo é estimular o deseño e desenvolvemento de iniciativas que favorezan a participación das familias en actividades da biblioteca escolar, destinadas ao conxunto da comunidade educativa ou especificamente pensadas para a formación e participación destas familias en experiencias de lectura e de traballo coa información e medios de comunicación.

Dezasete dos 50 centros seleccionados son da provincia de Pontevedra. Ademais do de Lourizán, figuran os CEIP Plurilingüe de Chancelas (Poio) o de Meaño-As Covas, así como o CEIP Pedro Antonio Cerviño (Campo Lameiro), o CPI de Mosteiro e o CRA de Meis.

Charo Martínez é, ademais de docente, a coordinadora da biblioteca do CEIP A Carballeira, onde estuda preto dun cento de escolares de Infantil e Primaria. "No centro xa viñamos facendo actuacións nas que a lectura era un nexo de unión entre as familias e os alumnado e vimos que este programa encaixaba ben", explica. Agora o problema é a situación sanitaria, polo que "facer actividades no centro é complexo".

FORMACIÓN. Pendente de que que o contexto epidemiolóxico mellore, o traballo non agarda, pois o proxecto ten dúas fases. A primeira, entre xaneiro e febreiro, consiste nunha campaña que vai facer o propio alumnado para animar ás súas familias a participar. "Aínda non está perfilada ao detalle, pero en liñas xerais os pequenos elaborarán spots para o blog do cole e os maiores trípticos".

Xa na segunda fase, entre marzo e maio, terá lugar a realización propiamente dita das actividades, coa participación activa das familias que se anoten. Non só pais e nais, senón tamén avós e avoas, os máis indicados para rescatar historias da transmisión oral, as mesmas que a eles lles contaban de pequenos e que agora contarán aos seus netos e compañeiros.

As familias "escollerán que historia queren contar e como: con títeres, mediante contacontos... Valoraremos segundo o talento de cada familia, sen obrigar a nada".

Por iso se escolleron lemas como As familias contan, atendendo ao dobre sentido, ou Venme con contos, dándolle a volta á frase feita. Sobre a presumible participación, Charo Martínez sinala que "sabemos que hai familias interesadas" pero os detalles do proxecto terán que ir axeitándose á situación sanitaria. Por iso algunhas intervencións deberán ser gravadas.

"Hai máis cousas pensadas, como un concurso con premios para todas as familias participantes, con cerimonia e agradecementos", de cara a fin de curso, ou o rincón das familias.

"Agora imos perfilar a campaña de animación, na que os rapaces terán moitísimo protagonismo. Queren saber cal é o conto favorito dos seus pais, cal era o do seus avós... Están moi motivados e queren que se note a necesidade de compartir lecturas".

Outro dos apartados do proxecto está vencellado á formación, polo que a idea é contar con profesionais que lles ensinen tanto ao profesorado como ás familias, os segredos da transmisión de historias, "non só para esta actividade, senón tamén para a casa".

Bibliotecas
Axentes de compensación social
Centros creativos de aprendizaxe, apoio no ensino e facilitadores de competencias clave e hábitos de lectura, así son as bibliotecas escolares. A resolución do proxecto subliña que tamén "poden actuar como axentes de compensación social, cando ofrecen á comunidade un acceso igualitario á información, á educación e á cultura". Neste sentido, a súa apertura fóra do horario lectivo "resulta de gran valor para a comunidade educativa na medida en que proporciona un espazo de encontro que favorece a vivencia dun lecer enriquecedor e complementa a oferta educativa e cultural do medio máis próximo".

Así, nos últimos anos as bibliotecas prepararon espazos de lectura específicos para pais e anis, creando seccións destinadas ás famlias na colección ou implicándoos en actividades de lectura.

Non obstante, un estudio do Consello Escolar de Galicia (2015), alertaba dun "certo descoñecemento" dos beneficios e das oportunidades que ofrece a biblioteca para a formación dos seus fillos, polo que "cómpre traballar neste ámbito". Ademais, está demostrado que "a implicación das familias favorece a consecución dos obxectivos en materia de lectura, polo efecto motivador que a súa implicación ten para os máis pequenos".

Comentarios