"Fan falta profesionais que miren ao futuro no sector do turismo"

Tres anos despois de rematar o CS de Xestión de Aloxamentos Turísticos e cunha traxectoria que a levou a Malta e á Complutense para ampliar a súa formación, a grovense vén de acadar un dos 26 premios nacionales de formación profesional de grado superior correspondentes a 2017
María Triñanes, exalumna do Carlos Oroza e gañadora dun Premio Nacional de FP. CEDIDA
photo_camera María Triñanes, exalumna do Carlos Oroza e gañadora dun Premio Nacional de FP. CEDIDA

Atende por teléfono desde Madrid, pois María Triñanes Costa (O Grove, 26 anos), está estudando na Universidad Complutense o terceiro curso do Doble Grado en Turismo y Comercio. Pero esta moza acaba de recibir agora un dos 26 Premios Nacionales de Formación Profesional de Grado Superior correspondentes a 2017, un por cada familia profesional. Aínda que hai outros sete galegos, catro deles da provincia de Pontevedra, ela é a única de Hostelería y Turismo. En 2017 rematara, cunha nota que rozaba o dez, o CS de Xestión de Aloxamentos Turísticos no CIFP Carlos Oroza, do que garda un recordo marabilloso e desde onde a felicitaron publicamente. O galardón está dotado con 1.200 euros e un diploma acreditativo.

Vén de gañar un premio nacional tres anos despois de recibir o autonómico [outorgáronse conxuntamente tamén os de 2018 e 2019 a un total de 78 persoas, 13 delas galegas]. Esperábao?
Sorprendeume bastante recibir a candidatura despois de tanto tempo. Chegoume un e-mail dicíndome que estaba convocada para os premios nacionais, onde miden a traxectoria desde o autonómico. Ponderan varios aspectos: en que traballaches, os idiomas que aprendeches, diferentes cursos... Pois imos probar. E agora sorprendidísima, non contaba!

Cando rematou o ciclo en Pontevedra tiña pensado volver a Malta para traballar na recepción dun hotel. Cumpriu os seus plans?
Estiven alí preto dun ano. Foi unha experiencia incrible, porque era a primeira vez que traballaba fóra de España e tanto o trato foi moi bo, aprendín moitísimo inglés, a desenvolverme alí... Na recepción cada día é diferente. De feito insistíronme en quedar, pero sentín que a miña etapa alí estaba rematada. Quería coñecer outros campos do turismo, máis aló dos hoteis. Por iso agora estou aquí, na Complutense de Madrid, estudando un dobre grao de comercio e turismo.

A que se debeu este xiro?
Dende que empecei a traballar estiven no mundo dos hoteis, que me encanta, pero empecei a coñecer outras facetas do turismo. De feito agora gústanme máis cousas como a planificación turística dun destino, xestionalo de xeito sostible... E a parte do comercio e as empresas tamén me está gustando moito.

"As axencias de viaxes, se estaban en declive, penso que van saír beneficiadas da pandemia grazas ao trato persoal"

A pandemia pillouna xa na Universidade? Que supuxo?
Estiven o primeiro cuadrimestre sen pandemia e xusto despois dos exames pechou todo. A experiencia da universidade foi un pouco diferente por iso, estou empezando a vivila agora. No meu caso, despois de ter traballado, ía con outra mentalidade e a pandemia fixo que estudase máis aínda. Foi moi estresante.

Volverá a Galicia?
Eu teño claro que vou volver e, na medida do posible, quero traballar alí. A curto prazo a miña meta é ir de Erasmus a Alemania porque é un dos idiomas que estudo aquí e unha das cousas polas que estudo na Universidade é poder aproveitar esa oportunidade de coñecer outro país. E despois rematar, porque son dúas carreiras, cinco anos, dous traballos de fin de grao... Aínda queda moito. E despois, se teño unha oportunidade en Galicia, máis se é no Grove... A calidade de vida que hai en Galicia non a cambio por nada, de feito parezo a embaixadora en Madrid.

O turismo foi un dos sectores máis afectados pola pandemia. Que se pode aprender despois disto?
No Mediterráneo, sobre todo, despenden moito do turismo estranxeiro e agora desmostrouse que non se pode ter tanta dependencia dun turismo de sol e praia e de portas para fóra. Hai que traballar noutros tipos de turismo, como o de interior, e estudar ben os recursos que temos no país ademais das praias. Un dos que máis creceu foi o turismo rural, a vida máis tranquila, os espazos ao aire libre... Que os españois valoremos o que temos e que o turismo é un sector que inflúe en todos os demais: ten que ver coa hostelería, cos transportes, cos hoteis, cos supermercados... Viuse que é máis importante do que se pensaba, que fan falta profesionais que traballen aquí e miren de cara ao futuro e se poñan en valor. Parece que non é o mesmo estudar Turismo que unha enxeñería, pero neste país necesitamos as dúas cousas.

Cre que nestes últimos tres anos se está valorando máis a profesionalización do sector, desde recepcionistas de hotel a guías turísticos ou mesmo axencias de viaxes?
Totalmente. En recepción penso que hai menos intrusismo. E en axencias de viaxes púxose totalmente en valor ter uns profesionais que axuden a resolver calquera cousa. Coa pandemia viuse reflectido que non o máis barato é sempre o mellor. Cando buscas nun gran turoperador os voos máis baratos podes conseguilos, pero se tes algún problema non tes a ninguén que che axude, que che aconselle... As axencias, se estaban en declive, co trato de persoa a persoa creo que van saír moi beneficiadas da pandemia. E o mundo dos hoteis e de guías turísticos. A xente quere volver saír, coñecer o que temos no país, a de fóra quere vir e é moi importante que che conten ben as cousas, con carisma e coñecemento.

Agora que está na Universidade e pode comparar as dúas experiencias, segue apostando pola FP como "un máster gratuíto de dous anos"?
Esa segue sendo a mesma frase, pero é especializarte nunha rama moi concreta. Pero a día de hoxe, sen ser un traballo básico, obríganos a ir traballar nun nivel e ir collendo experiencia pouco a pouco e igual alguén cunha carreira universitaria opta directamente a outro posto. Eu non o decidín por iso, senón por ampliar o abano. A FP é algo moi concreto, chegas ao mundo laboral sabendo o que tes que facer, e a carreira dá unha perspectiva máis grande pero non te especializa. Fóra de España sentín que valoraban moito que tivera unha FP superior con boas notas. Pero aquí segue habendo titulitis.

Comentarios