A Fanpa aposta por 'pelexar' por un comedor no IES Sánchez Cantón

Rexeita a petición de abrir o comedor do CEIP Campolongo a alumnos de Secundaria

Alumnos haciendo uso del comedor del CEIP Campolongo. DP
photo_camera Alumnos facendo uso do comedor do CEIP Campolongo. DP

"Un comedor escolar é un proxecto que vai máis alá de coller un grupo de nenos e sentalos a comer nun espazo, ten que haber unha planificación e, dende logo, non se poden mesturar rapaces de 16 anos con nenos de Primaria". Así explica Roxelio Carballo, presidente da Federación de Anpas de Pontevedra (Fanpa) a decisión da entidade de negarse a abrir o comedor de Campolongo aos alumnos de Secundaria do IES Sánchez Cantón.

Neste sentido, esta mesma semana un grupo de pais remitiron un escrito ao colectivo reclamando que tomase medidas para que os menores de Secundaria do Sánchez Cantón puidesen dispor do servizo de comedor no centro de Primaria. "Nese escrito hai nomes de persoas que aseguran que non asinaron ningún documento", denuncia Carballo.

Neste sentido, a Fanpa chama á reflexión e a tomar decisións ben pensadas. "Non podemos empezar a pedir que os centros de Primaria abran os seus comedores aos de Secundaria porque non é viable que os alumnos vaian dun lugar a outro e implica un risco", conta. Do mesmo xeito, Carballo refírese ao caso concreto do CEIP Campolongo e o IES Sánchez Cantón, nos que os horarios do alumnado coincidirían e sería necesario habilitar un espazo extra no centro para poder acoller aos alumnos de Secundaria. Outros centros fixérono, como é o caso do CEIP de Barcelos, onde a Anpa se organizou para crear un comedor para alumnos de Secundaria irmáns doutros nenos matriculados no centro. "Nese caso, contan cun espazo separado, de xeito que uns e outros nenos non se mesturan nin ven", explica o presidente da Fanpa.

Esa non é a situación no CEIP Campolongo, onde non hai un espazo separado do comedor que xa existe. "Se ambas as Anpas queren negociar a posibilidade de crear un espazo para os alumnos de Secundaria, adiante, pero a Fanpa non pode cargar con esa responsabilidade", conta Carballo, que asegura que "nós non imos facer as cousas mal a sabendas".

SEGUROS. Un dos motivos polos que a Fanpa non ve viable a creación dun comedor compartido por alumnos de ambos os centros é que asegurar o servizo sería moi complicado. Ademais, sería o propio colectivo o que asumiría a responsabilidade do servizo. "Conseguir un seguro que se faga cargo de 1.100 comidas para outros tantos rapaces non é nada doado e nestas condicións é aínda máis complicado", conta Carballo. Con esta xustificación, o presidente da Fanpa explica que "non é que non teñamos motivos para non dar este servizo e nos neguemos porque si", explica Carballo.

Neste sentido, o presidente da Fanda acusa os pais que asinan o escrito de irresponsabilidade. "Non podemos prexudicar a 170 nenos, os que comen no comedor de Campolongo", sinala Roxelio Carballo, que indica que a Fanpa non pode facer diferenzas entre uns centros e outros.