A Federación Provincial de ANPA de Pontevedra sumou algo máis de 1.300 inscricións para a ludoteca de verán Conciliaverán, despois de que o pasado venres pechase o prazo para anotarse.
A actividade, que supón unha importante axuda para a conciliación en moitas familias durante as vacacións escolares, comezará este mesmo mes (o día 23, xa terminado o curso nos colexios) cunha quenda especial, aínda que será a partir do 1 de xullo cando empezarán a desenvolverse as quendas ordinarias, que se prolongarán ata
Neste último caso, en principio manterase a distribución habitual en sete colexios. En setembro haberá outra quenda de Conciliaverán especial antes de que dea comezo do período lectivo.
Tal e como explicou o presidente da Fanpa, Rogelio Carballo, a cifra de inscritos é moi elevada, tendo en conta que se ofertaron 1.900 prazas ''pero como oferta de máximos'', porque supoñen un custo ''brutal'' para a entidade, que mantén os prezos do ano pasado a pesar de que o cociente que establece actualmente a Xunta é dun monitor por cada dez nenos.
Aínda así, a Federación Provincial sinalou que ''imos facer ou posible para que queden todas as solicitues cubertas'', segundo explicou o seu presidente. E é que progresivamente se vai recuperando certa normalidade, pois no verán de 2020, en plena pandemia, puidéronse ofertar soamente entre 500 e 600 prazas e o ano anterior, en 2019, a cifra alcanzara as 2.400.
NOVO MANDATO. O equipo presidido por Rogelio Carballo seguirá dous anos máis á fronte da Fanpa. Así o confirmaron as eleccións celebradas este sábado, nas que a súa era a única candidatura presentada. A directiva queda formada polos mesmos membros salvo unha única incorporación: a presidenta da ANPA do IES de Mos.
''Isto permítenos unha situación de continuidade. A nosa prioridade é recuperar a normalidade despois da pandemia, porque todos necesitamos volver a esa normalidade e desenvolver as actividades e iniciativas que tiveron que ser suspendidas pola covid, como a formación para as ANPA, as convivencias e actividades para as familias e tamén acadar a normalidade nos comedores e ludotecas'', explicou o presidente.
O próximo día 21 publicarase a lista de admitidos da ludoteca de xuño e o día 24, as listaxes das ludotecas de xullo, agosto e setembro. O 25 recibiranse as reclamacións e o día 28 publicaranse as listas definitivas.