Feijóo, en Pontevedra: "O voto ao BNG non é para facer máis cidade"

O presidente da Xunta defende o "voto inconformista" a Rafa Domínguez na cidade

Acto del PP en Pontevedra con Alberto Núñez Feijóo. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Acto do PP en Pontevedra con Alberto Núñez Feijóo. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

O presidente da Xunta e do PP galego, Alberto Núñez Feijóo, defendeu este xoves que o "voto inconformista" debe ser para o seu candidato, Rafa Domínguez, xa que o voto nestas eleccións "vai máis aló de facer beirarrúas, parques ou xardíns". "O voto para o BNG non é para facer máis cidade, senón para facer menos España (...) é para acabar, dividir e diseccionar o noso país", afirmou Núñez Feijóo nun mitin en Pontevedra.

Para Núñez Feijóo, a verdade que hai que contar é que o BNG de Lores é o que vai ás eleccións europeas con ERC e con Batasuna Bildu, polo que se queren pedir o voto que o fagan "en nome do independentismo, pero non de Galicia". "Calquera formulación que beneficie a ERC prexudica a Galicia", resumiu Núñez Feijóo.

O líder do PP galego centrou a maior parte das súas críticas no alcalde da cidade, Miguel Anxo Fernández Lores (BNG), de quen dixo que "hai que ir ao Pleistoceno para recordar algo que fixese" pola cidade.

Segundo Núñez Feijóo, "o candidato que vale a pena é o que ten máis ilusión" e dixo que Fernández Lores "se tivese algunha nova idea non tería que tapar a súa falta de proxectos e a súa inacción". "Tápase cunha pancarta contra os traballadores e as familias de Ence (...) tápase cun acordo cheo de sectarismo nomeando persoa non grata a Rajoy en Pontevedra... ¡Que cousa máis ridícula! Ou tápase viaxando... Hai países asiáticos que todos saben onde está Pontevedra, o quilómetro exacto, e danlle uns premios fantásticos por aclamación popular", asegurou.

Na súa intervención o líder do PP galego pediu "abrir as portas" en Pontevedra, xa que necesita "máis dinamismo económico, que creza, que se expanda... Sen actividade económica a cidade queda paralizada", concluíu. "Ten que abrirse a máis pontevedreses, non só as rúas do centro, que levaban moitos anos construídas: Agora limpáronas e non baixan coches, pero xa estaban feitas antes de que chegase el", dixo en alusión a Lores.

Tamén defendeu os investimentos da Xunta na cidade, como as obras de saneamento na ría, "coas que co seu importe podería peonalizar toda a cidade". "Chámome Rafa Domínguez e o domingo serei o voso alcalde", presentouse entre aplausos o terceiro candidato en Pontevedra avalado por Núñez Feijóo nas que serán as cuartas eleccións municipais desde que é líder do PP galego.

Telmo Martín foi o seu primeiro candidato en 2007 e gañou as eleccións con 12 concelleiros, a un concelleiro da maioría absoluta. Repetiu en 2011 e gañou as eleccións por un centenar de votos fronte a Fernández Lores, pero baixou un concelleiro, quedou en 11.

Jacobo Moreira foi o elixido en 2015 e foi segunda forza con 7 concelleiros, mentres que Fernández Lores obtivo 12, a un da absoluta. Domínguez censurou "a festa" que fixo Fernández Lores cando se foron ao paro ou fóra de Pontevedra tras o peche de Elnosa e advertiu de que "agora poden vir máis", en alusión á situación de Ence.

Reivindicou un "proxecto de cidade", non só do centro, no que destacou a necesidade dun novo PXOM porque "hai que pensar na cidade do futuro, non do pasado", dixo, e censurou que "os barrios están totalmente abandonados" nos mandatos de Fernández Lores. "Non quero un alcalde que estea máis veces en Francia que en Mollabao", exemplificou.

O candidato ao Parlamento Europeo Francisco Millán Mon mostrou tamén o seu apoio ao candidato local, porque "todos queremos que sexa alcalde", dixo. Sobre os comicios europeos este ano hai "unha novidade" e é que a situación é "moi difícil, non só por culpa do brexit, senón polo concurso de forzas extremistas, antieuropeas... Polo tanto son unhas eleccións moi importantes, decisivas".

Tamén incidiu na importancia dos comicios europeos para Galicia, xa que é onde se xogan boa parte das políticas que afectan á comunidade.

Comentarios