Os feirantes manteñen o pulso co Concello de Pontevedra

Piden que a poxa de parcelas para os postos sexa a man alzada

Feriantes de Pontevedra. JAVI CERVERA
photo_camera Feirantes de Pontevedra. JAVI CERVERA

Os feirantes que cada ano acoden ás festas de Pontevedra non se renden. A menos dunha semana dos festexos de Santiaguiño do Burgo, seguen pensando que facer ante a situación que levan vivindo estes últimos anos.

O 14 de xuño varios empresarios do sector reuníronse en Pontevedra para solicitar un encontro que cualificaron de "urxente" coa edil de Festas, Carmen Da Silva, e así intentar solucionar unha situación que lles fai perder diñeiro: non están conformes coa poxa pública convocada polo Concello para adxudicar os 367 postos previstos para as festas de Santiaguiño do Burgo e A Peregrina, que terán lugar entre o 10 e o 18 de agosto.

Os feirantes non están de acordo coas condicións impostas pola Administración municipal para a adxudicación das parcelas nas que instalarán os seus postos. Din que o Concello "se inventa" metros que non existen e que eles teñen que pagar, o que cualifican de "inxustiza".

Outra das medidas que piden é que a poxa de parcelas sexa man alzada. Neste momento realízase a sobre pechado, o que garante o anonimato dos canditatos para evitar posibles disputas entre eles. Con todo, os feirantes afirman que non se pelexarían por un posto e que o inxusto é facelo a sobre pechado.

Levo 32 anos traballando nas festas en Pontevedra. Esta cidade é a miña segunda casa e dóeme moito chegar a esta situación

Un dos problemas aos que tamén se enfrontan é a chegada de novos feirantes. "O Concello está a dedicarse a chamar a feirantes doutros lugares que si están dispostos a pagar o diñeiro que lles piden. Isto debe cambiar xa. Aquí prima máis o diñeiro que a antigüidade ou a profesionalidade", afirma Ángel Gutiérrez.

Ademais, segundo afirman, "os prezos ascenden cada vez máis". Para as festas de Santiaguiño póxanse 122 postos dos cales o máis pequeno, de seis metros cadrados, costa 55 euros. O máis caro, de 540 metros cadrados, custará 1.160.

Nas Festas da Peregrina haberá 245 postos, que serán máis caros. Para facerse co máis pequeno, de seis metros cadrados, haberá que pagar 115 euros. O máis grande, o da pista de coches de choque, custará 10.750 euros.

Os feirantes están indignados. "Esta situación debe cambiar xa. Necesitamos axuda e solucións rápidas. O Concello debería deixar de chamar a feirantes doutros lugares. Nós queremos traballar aquí, non noutro lugar", expune Ángel Gutiérrez.

O que máis lles doe é o trato recibido por parte do Concello. "Levo 32 anos traballando nas festas en Pontevedra. Esta cidade é a miña segunda casa e dóeme moito chegar a esta situación. Non me quero ir, gústame traballar aquí, pero isto estase complicando moito. Teño que alimentar á miña familia", di.