Ferramentas para o control de aforamento en establecementos de lecer nocturno

Realizarase a través dun código QR ou mediante o rexistro en apps de hostalería
Código QR en un bar. SEBAS SENANDE
photo_camera Código QR nun bar. SEBAS SENANDE

A Federación de Hostalería de Pontevedra anunciou este mércores que nuns días as aplicacións Hostalería Pontevedra, Zona Náutico e Hostalería Coruña recibirán unha actualización para o seu uso como control de aforamento de establecementos. Estas novas funcionalidades lanzaranse para dar soporte ás medidas de apertura do lecer nocturno en Galicia.

Os usuarios de lecer nocturno rexistraranse a través das apps de hostalería ou escaneando un código QR, exposto na entrada do local. O sistema solicitará o número de teléfono ao usuario, tras o cal recibirá un SMS cun código. Unha vez verificada a validez do número de teléfono, a aplicación xerará un código QR de acceso, que o usuario deberá mostrar ao entrar e ao abandonar o establecemento, quedando rexistrado o seu número de teléfono coa hora de entrada e saída. Este código QR poderá ser gardado no Wallet de Apple ou en calquera aplicación wallet de Android.

EN TEMPO REAL. Segundo explica a Federación, o persoal de control de acceso simplemente debe escanear o QR a través da app de hostalería, para rexistrar as entradas e saídas, sendo informado en tempo real do número de usuarios que accedan ao local co código QR.

As persoas interesadas en obter máis información sobre estes procedementos poden solicitalo enviando un correo electrónico a [email protected].

Comentarios