As festas non tiran das vendas na Praza de Abastos

Os comerciantes mostran o seu descontento ante a baixada do consumo nun mes de agosto que se presenta "moi malo"
 
2020081211280764870
photo_camera Unha pescantina atendendo no seu posto a varios clientes. J. CERVERA-MERCADILLO

Nin tan sequera a chegada da semana grande das Festas da Peregrina 2020 supuxo un incentivo para as vendas de peixes e mariscos. Os comerciantes da Praza de Abastos de Pontevedra mostran o seu desazón ante o que se presenta como "o peor mes de agosto desde hai décadas". As vendas, que no verán adoitaban crecer exponencialmente, experimentan neste ano do coronavirus "unha baixada acusada tanto no consumo hostaleiro como doméstico". Doutra banda, a redución nas cantidades de mercancía fixo subir os prezos con respecto ao pasado mes de xullo.

"O consumo está a anos luz de ser o que era o ano pasado", comenta Conchi, dependenta no posto de Peixes e Mariscos Bea Portonovo. E é que a difícil situación económica á que deu paso a pandemia do coronavirus está a notarse especialmente no sector: "O noso negocio depende especialmente das vendas á hostalería e a incerteza provocada pola Covid-19 non está a permitir que o sector se reactive. O volume de negocio da restauración caeu drásticamanete, nin sequera a celebración das festas da Peregrina está a axudar a impulsar as vendas", explica.

O descenso no número de capturas incrementa os prezos de peixes e mariscos con respecto ao pasado xullo

Margarita Barreiro, quen tamén despacha peixes e mariscos no seu posto homónimo, coincide "totalmente" co apuntado por Conchi. "O restaurante aos que vendo non dan saída ao produto, de feito, moitas veces teñen que optar por pór o peixe en escabeche para poder conservalo", apunta. En canto ao consumo doméstico, Margarita confesa recuperar xa a súa clientela habitual, "despois do longo parón do confinamento". Con todo, detalla que "as vendas ao público non dan para sustentar a actividade, necesítanse os ingresos da restauración".

En fronte, Rocío Otero, no seu posto de peixe de igual nome, é rotunda. "Agosto preséntase como un mes pésimo para as vendas". E é que, segundo explica a pescantina, "o fluír de xente, que se pode dar, durante os fins de semana engana; pois, hai moitos curiosos que chegan e preguntan, pero estas consultas, escasas veces, materialízanse en vendas".

A única visión positiva é a ofrecida por Esther, responsable de Mariscos da Ría Esther, "no meu caso, si estou a notar o auxe das festas, e espero que o sábado as vendas aumenten", declara.

PREZOS. A tendencia xeral nos prezos preséntase "á alza", ante a escaseza de oferta coa que arrinca agosto. "Hai moi pouca mercancía, sobre todo polas mareas vivas e porque os barcos agora vanse á captura do bonito", apunta Rocío.

A subida rexístrase, sobre todo, no marisco. O prezo do camarón oscila entre os 50 e os 90 euros o quilo, o percebe rolda os 50 ou 60 euros, o bogavante da ría sitúase en 32 euros e o de fóra págase a 28. Entre os peixes máis vendidos, a pescada está a 11 euros e o rapante a 15 euros o quilo.

O regreso dos turistas, a única "boa noticia"
O frío panorama que o sector turístico deixou en xullo, parece ir, aos poucos, mellorando. A pescantina, Margarita Barreiro, destaca como "a única boa noticia do verán", o regreso dos turistas á Praza de Abastos de Pontevedra.

"A nota positiva é que, por fin, están a deixarse ver máis estranxeiros. Chegan preguntando polo produto local, e adoitan supor unha parte importante da demanda", explicou. Con todo, "as cousas non son como en anos anteriores", confesa Margarita. "Aínda que é certo que o turista consome, o seu nivel de gasto é inferior ao de 2019".