O festival Ferve Estrella Galicia chega a Pontevedra os días 16, 17 e 18 de setembro

Os chefs Yayo Daporta, Alejandra Herrador e Emanuel Carlucci, Víctor Martín e Beatriz Sotelo, entre as novas confirmacións ► Guadi Galego compartirá o cartel musical con Baiuca e Xoel López, entre outros

Ferve Estrella Galicia. CEDIDA
photo_camera Ferve Estrella Galicia. CEDIDA

A Alameda de Pontevedra acollerá o 16, 17 e 18 de setembro a primera edición de Ferve Estrella Galicia, un evento/festival que xunta música, cultura, artesanía e gastronomía e contará con chefs e artistas de renome. Haberá degustación de petiscos de autor e cervexa, showcookings, talleres, postos de artesanía de Galicia e de produtores que participan no Mercado da Colleita.

Un total de catorce novos chefs, unha nova incorporación musical, cinco talleres e a presentación das Ferve Talks compoñen as novas confirmacións deste novo cartel que se fará realidade grazas a Estrella Galicia e Xacobeo 21-22.

Xacobeo 21-22 e Estrella Galicia presentan este festival organizado por Esmerarte, coa colaboración do Concello de Pontevedra

Como novidade, os asistentes que desexen confirmar a súa asistencia a este evento de entrada libre recibirán a cambio unha caña como premio nunha das barras Estrella Galicia do evento. Aquí podes acceder ao formulario de inscrición.

O acceso será libre e os prezos dos petiscos de autor e das consumicións serán populares

Nova confirmación musical: Guadi Galego

No repertorio musical, Guadi Galego, unha das artistas galegas máis relevantes da escena galega actual, únese a Baiuca, Marilia Monzón, Xoel López e a Banda de Late Motiv para darlle vida ao evento da maneira máis melódica posible.

Guadi Galego conta cun directo único en Galicia froito dunha carreira musical que comeza sendo moi nova. 

Tamén é gratuíta a asistencia a concertos e charlas, así como a talleres e showcookings, previa preinscripción

En Ferve, a artista galega volve a unha cidade que coñece moi ben e que a acolle cos brazos abertos en cada unha das súas visitas. Esta vez bailaremos ao ritmo clásicos e novas cancións por igual.

Novas confirmacións gastronómicas

As novas confirmacións de chefs en Ferve completan unha programación gastronómica de impacto, que xa contaba previamente cos chefs galegos Javi Olleros, do restaurante Culler de Pau (dúas Estrellas Michelin), Pepe Solla, de Casa Solla (unha Estrella Michelin) e Pepe Vieira, do restaurante Pepe Vieira (unha Estrella Michelin) como anfitrións. 

Incorpóranse ao cartel Estrellas Michelin de fóra de Galicia. É o caso de Víctor Martín, propietario do Restaurante Trigo en Valladolid, coñecido pola súa cociña contemporánea de base tradicional, e Alejandra Herrador e Emanuel Carlucci, propietarios do Restaurante Atalaya (en Alcossebre, Castellón), característico pola súa cociña creativa, dinámica e libre de ataduras.

Dende a cidade de Ourense, Lydia del Olmo e Xosé Magalhaes, parella saída entre os fogóns da Casa Solla, virán en representación da súa cociña aberta e natural do seu restaurante Ceibe. 

Beatriz Sotelo, un dos nomes femininos máis relevantes da gastronomía galega, adícase á formación de novas xeracións de cociñeiros, a xestión de eventos e outros servizos persoalizados. 

Descubrimos tamén aos cociñeiros e cociñeiras que representarán ás asociacións de cociña de Galicia, como o grupo NOVE con Yayo Daporta, que trae a súa cociña galega actualizada con guiños a produtos doutras zonas ou Javier R. Ponte (máis coñecido como Taky), xefe de cociña no Catering Boketé. 

Cartel de Ferve Estrella Galicia. CEDIDA
Cartel de Ferve Estrella Galicia. CEDIDA

A xornada inaugural do venres contará con representantes da Banda de Cociñas de Pontevedra: Rubén González (El Cafetín, Pontevedra), Marta García (Meigas Fóra, Pontevedra), Vicente Tortajada (La Culpa de la Gula, Pontevedra) e Marta Santiago (A Fervella, Pontevedra). 

Begoña Vázquez Gago, co seu Regueiro da Cova, traeranos a súa cociña tradicional e de produto con toques actuais, en representación de Ourense Cociña. 

Adrián Felípez (Miga, A Coruña) representará a Coruña Cociña, Toño Lorenzo (A Faragulla, Chantada) a Lugo Cociñeiros e Carlos Gea (Living, Vigo) á asociación Vigo Gastronómico.

Así mesmo, todos eles compartirán espazo cunha listaxe de chefs de renome previamente confirmados, como Vicky Sevilla, Iñaki Bretal, Iván Domínguez, Ignacio Echapresto, Xanty Elías, Diego Guerrero, Héctor López ou Juliano Valese, entre moitos outros. 

Chegan as Ferve Talks

Por outra banda, Ferve presenta por primeira vez na súa programación as Ferve Talks, moderadas pola periodista Teresa Cuíñas. Un conxunto de charlas que reunirán a cociñeiros e expertos doutras disciplinas para poñer sobre a mesa preguntas sobre o futuro, a sociedade e a sostibilidade a través da cociña.

Talleres abertos ao público

Ferve contará tamén con oito tipos de talleres nos que o público pode participar previo rexistro na web estrellagalicia.es/ferve ou ferveestrellagalicia.es/. Estes son: o Taller Galicia Calidade – impartido en dúas ocasións, unha por Héctor López e outra por Iñaki Bretal–, A que soa a túa cervexa?, Tiraxe de cervexa by MEGA, Roteiro da Colleita by MEGA, Taller de Maridaxe, os talleres de Cultura de Cervexa –Como se fai a Estrella de Galicia, a nosa receita orixinal e Xogo de cata a cegas con Cervexas 1906–, e o Taller Desperdicio Cero by Diego Guerrero.

Introdúcense por primeira vez os talleres de Cultura de Cervexa e as 'Ferve Talks', un conxunto de charlas presentadas polos anfitrións

Que é Ferve?
Ferve é un evento que combina a cultura de cervexa, a gastronomía e a música cun carácter de romería moderna. Herdando o espíritu popular da Festa da Colleita, é unha celebración que pretende poñer en valor o potencial do talento e o produto galego, apostando polo orgullo de orixe a través da reflexión e o diálogo.

Ferve quere poñer en valor o potencial do talento e o produto galego, apostando polo orgullo de orixe a través da reflexión e o diálogo acerca de cuestións como as cociñas colectivas, a relación entre gastronomía e ciencia ou o potencial da hostalería para o desenrolo e a rexeneración das comunidades nas que opera.

Comentarios