Figuras infantís de gran tamaño ambientan os espazos escénicos de 'Pontevedra vívese'

A iniciativa pretende encher de cor as rúas e homenaxear aos cativos da cidade, para os que este será un verán moi singular
Pontevedra vivese ambientacion infantil 3-1
photo_camera Ambientación infantil de 'Pontevedra vívese'

Dende este luns os 13 espazos escénicos de Pontevedra vívese estarán amenizados por figuras infantís de gran tamaño. A Praza das Palmeiras, a Ferraría, a Alameda, praza de España ou os xardíns de María Victoria Moreno son algúns dos barrios da cidade que se vestirán de ledicia para ambientar as festas de verán.

Os cativos da Boa Vila poderán recorrer tódalas prazas habilitadas para disfrutar das imaxes de dinosaurios, pilotos de avión ou animais, ademais de fotografarse coas mesmas.

Nestas localizacións os máis pequenos serán tamén os protagonistas do programa Ven Trebellar, que ofertará dende o martes teatro, maxia e música. As actuacións estrearanse ás 19.30 horas na Alameda co espectáculo teatral Baila Roque, baila, e continuarán ás 20.00h no parque Amalia Álvarez con Do maxín á realidade. 

ARTES VIVAS. A programación de Pontevedra vívese destaca pola súa oferta variada e adecuada a todos os públicos. Os amantes da literatura e da tradición musical galega teñen un espazo no espectáculo Artes Vivas, que estrea este luns un novo escenario: as pistas deportivas de Campolongo. Epístola de Aldaolado abrirá ás 22.00h a localización.

Artes Vivas contará tamén coa posta en escena de Ao cabo leirín, de FAIA, que dará comezo as 21.30h na praza da Ferrería.

Os eventos programados para celebrar as festas de Pontevedra están a desenvolverse con éxito grazas ao "comportamento exemplar" dos veciños e veciñas, segundo afirmou a portavoz do Goberno Anabel Gulías tras a conmemoración do XXI Memorial Ricardo Portela. 

Comentarios