A fin da reforma principal de Loureiro Crespo permite abrila ao tráfico desde o venres

A próxima semana comezará a segunda fase da reforma, que está previsto que remate en novembro, no barrio do Castañal
Últimos traballos no tramo alto de Loureiro Crespo durante a tarde do mércores. GONZALO GARCÍA
photo_camera Últimos traballos no tramo alto de Loureiro Crespo durante a tarde do mércores. GONZALO GARCÍA

A fin das obras en Loureiro Crespo permitirá abrila ao tráfico este venres, tras o asfaltado que se realizou na tarde deste mércores e o pintado da calzada na noite pasada. Doutra banda, pronto será incluído o mobiliario urbano previsto no proxecto, tal e como informa o Concello de Pontevedra. O conxunto de árbores que está previsto plantar na avenida deberá agardar un chisco máis, ata a finalización completa do barrio do Castañal.

Deste xeito, a rúa abrirá este venres para o seu uso pleno, incluíndose tamén nesta apertura a travesía da Eiriña. Esta reapertura ao tráfico prodúcese tras máis dun ano de obras que produciron peches intermitentes e por tramos para poder acometer a totalidade da reforma, a de maior envergadura que ten actualmente en marcha o Concello de Pontevedra. A novidade é que a rúa terá un só sentido de circulación, dende a avenida de Lugo cara a Benito Corbal

Máis alá das obras en Loureiro Crespo, a actividade relacionada con esta actuación continúa a avanzar logo da petición da empresa responsable dunha prórroga de catro meses para rematar os traballos, aprobada pola Xunta de Goberno o pasado 12 de xullo.

O proxecto de reforma inclúe tamén as rúas do barrio do Castañal, por onde continuarán os traballos que leva a cabo a construtora Covsa. O atraso nas obras, cuxa finalización total se fixa agora no 8 de novembro, chegou da man da crise sanitaria provocada pola covid-19 e as dificultades técnicas que xurdiron durante a execución da mesma, como as relacionadas coa instalación das redes de telecomunicacións, tal e como explica o Concello.

O barrio do Castañal comezará a súa reforma a vindeira semana, momento no que darán inicio os traballos en Ernesto Caballero, que mudará radicalmente a súa fisonomía, pasando a ser unha rúa de plataforma única, con capas de formigón confinadas entre lastro de pedra, amais de novo arborado e mobiliario urbano nas zonas de maior ancho. Estas medidas serán aplicadas tamén nas rúas Forcarei e Amor Ruibal, mentres as rúas Mestre Soutullo e Ramón Cabanillas ampliarán as beirarrúas e manterán un único carril de circulación.

As obras para a remodelación de Loureiro Crespo e o barrio do Castañal comezaron en maio de 2020, cando aínda se mantiña o primeiro confinamento por mor da pandemia. Aínda que estaba previsto que rematasen en once meses, o proxecto foise prorrogando ao longo deste ano. O orzamento para acometer esta reforma ascende a 2,1 millóns de euros, o máis elevado para unha obra do Concello en execución, se ben a portavoz do Goberno municipal adiantou que durante estes meses se produciron sobrecustes derivados de certos imprevistos que tiveron lugar e que contribuíron tamén ao retraso na finalización dos traballos.

Comentarios