Finaliza a demolición das vivendas expropiadas para as obras do Gran Montecelo

Só unha das edificacións segue en pé, tras detectarse a presenza de amianto na súa estrutura e requirir un tratamento previo á derriba
undefined
photo_camera Os terreos, xa sen vivendas expropiadas, para iniciar durante o verán os traballos de ampliación do hospital Montecelo. DP

A adxudicataria das obras do Gran Montecelo concluíu esta semana a demolición das vivendas e o viveiro afectados polo proxecto sanitario, coa única excepción dunha edificación na que a existencia de amianto obriga a realizar un tratamento previo á derriba. Ademais, foron ocupados para o seu acondicionamento o resto de parcelas privadas situadas no perímetro das obras de ampliación do hospital.

As expropiacións foron finalmente taxadas en 3,8 millóns de euros pola vía do xustiprezo, á que acudiron os propietarios, desconformes coa valoración inicial da Xunta.

undefined

As obras do futuro complexo están a ser executadas pola UTE de Copasa, Puentes e Ogmios. O arranque dos traballos adiantouse a maio coa intención de acurtar os prazos para poder estrear o hospital ampliado en 2024, tras un máximo de 42 meses de obras.

O orzamento do Gran Montecelo ascende a 121,9 millóns de euros e abarca un ámbito de 92.000 metros cadrados. A ampliación do actual centro sanitario farase cara a un lateral, en dirección ao centro Príncipe Felipe. Alí levantarase un complexo con dez alturas e tres bloques con forma de zigzag que estarán unidos ao hospital a través dunha pasarela peonil.

undefined

Este recinto sanitario será a referencia para 308.000 habitantes dos 26 concellos da área sanitaria do Norte da provincia. Trátase dunha infraestrutura que fora reclamada xa a finais dos anos 90. O Concello contribúe con catro millóns de euros á súa materialización.

Recentemente, a Xunta tamén chegou a un preacordo coa Comunidade de Montes de Mourente para resolver a ocupación ilegal dos terreos nos que se construíu o vello hospital, acabado e inaugurado en 1973. A Consellería de Sanidade aceptou ao final a oferta económica dos comuneiros, que expuñan o pago dun canon anual pola cesión desta parcela á Administración autonómica.

O vial de acceso, pendente 
As obras do novo vial de acceso ao hospital custarán 1,3 millones de euros. Disporá dun carril por cada sentido e contará con catro rotondas e alumeado propio. Antes de iniciar a obra, que contempla medidas de calmado de tráfico, será preciso que Infraestruturas finalice as expropiacións. O presuposto para a ocupación dos bens afectados, na súa maior parte fincas e terreos forestais, ascende a 400.000 euros.

Comentarios