Flores e pombas para honrar á Virxe Peregrina

Tino Lores pide á protectora da cidade que vele por peregrinos, médicos e mulleres

"O noso Camiño, o Camiño Portugués, é un Camiño feminino e a providencia quixo que sexa precisamente un home, neste ano da Igualdade, o que por primeira vez faga esta tradicional ofrenda". Son palabras de Tino Lores, presidente da Asociación de Amigos do Camiño Portugués, quen este sábado protagonizou a exaltación á Virxe Peregrina no inicio das festas relixiosas en honra á patroa da provincia.

O acto tivo lugar despois de que a centenaria carroza, tirada por doce nenos e nenas, realizase o tradicional desfile entre a Praza de España e o santuario, acompañada de grupos folclóricos, xigantes e cabezudos e ante un numeroso público que desafiou ao sol de mediodía.

Xa na capela, o sacerdote Raúl Lage deu paso con acerto Lores, quen se dirixiu á virxe "coa humildade propia do peregrino, cos pés cansos pero coa mochila chea de alegría e ilusión". Agradeceulle á santa a protección "que sentimos ao longo destes anos e hoxe, que pasamos por momentos de crises, non só económica, senón de valores cristiáns e europeos, seguímosche necesitando".

OFRENDA. O protagonista da ofrenda cambiou ao galego para pedirlle á virxe "apoio ás nosas familias, respecto para vos nosos maiores, alivio para vos que sofren e axuda, sobre todo aos médicos, enfermeiras, porque deles depende, en moitas ocasións, a nosa vida". Tamén pediu protección "para as nosas mulleres, que cada día loitan, traballan e sofren para que a nosa vida sexa un pouco máis feliz".

A súa ofrenda floral completouse coa multitudinaria colocación de ramos no exterior do santuario, onde tamén tivo lugar a solta de pombas.

Comentarios