Forestais recibe a estudantes no prólogo do novo curso blindada fronte á Covid

A UVigo repartirá máscaras entre todo o alumnado a partir do 21  Estas dúas semanas realizaranse actividades pendentes e prácticas
Un aula de la Escola de Forestais, con las nuevas medidas de seguridad. DUVI
photo_camera Unha aula da Escola de Forestais, coas novas medidas de seguridade. DUVI

Aínda que o curso 2020-21 non empezará na Universidade de Vigo ata o próximo 21 de setembro, varias facultades recibiron este luns a parte do alumnado- de todos os cursos excepto de primeiro- e do profesorado, aínda que non foi un regreso masivo. O obxectivo é realizar actividades docentes, de acollida, de fin de carreira ou prácticas, segundo informou o Duvi.

É o primeiro regreso presencial aos campus logo de seis meses e entre os centros que o solicitaron no seu día figura a Escola de Enxeñería Forestal. Parte da comunidade educativa volve a unha Universidade diferente á que deixou en marzo e cos centros dotados de todas as medidas sanitarias e cívicas necesarias para garantir "unha convivencia segura e responsable", subliña a UVigo.

Neste ano académico haberá titulacións nas que toda a docencia será -presumiblemente- presencial e outras con docencia mixta e, ademais, están previstas medidas no caso de que toda a docencia teña que converterse en telemática, Ademais de Forestais, desde este luns ata o 18 de setembro terán actividade outras facultades da UVigo. Son Ciencias, Dereito, Ciencias da Educación e a Escola de Enxeñaría Informática no campus de Ourense e as facultades de Filoloxía e Tradución, Ciencias Xurídicas e do Traballo, Bioloxía, Ciencias do Mar e Química e as escolas de Enxeñaría de Minas e Enerxía, Telecomunicación e Enxeñería Industrial no de Vigo.

Agora o alumnado ten que asistir ás diferentes actividades con máscara, limpar as mans ao entrar e gardar as distancias de seguridade cando pase pola porta e en todo o percorrido polo edificio. Nos centros pódense consultar todas as indicacións, tanto en carteis fixos como nas pantallas de televisión normalmente situadas na entrada. Para facilitar esta nova realidade colocáronse múltiples dispensadores de xel hidroalcólico e están marcados no chan os itinerarios para circular, evitando así cruzarse con persoas que veñen en sentido contrario. Tamén hai novas instrucións para empregar os aseos e os servizos de cafetería. Así mesmo, recoméndase non comer nin en corredores nin nas aulas.

Natalia Caparrini explicou por carta ao estudiantado estas medidas e anunciou que se lle entregará a cada estudante unha máscara lavable reutilizable

NOVA PLATAFORMA. A vicerreitora de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria, Natalia Caparrini, explicou por carta ao estudiantado estas medidas e anunciou que se lle entregará a cada estudante unha máscara lavable reutilizable co logo da Universidade de Vigo, que deberá utilizarse coas adecuadas medidas de hixiene.

Ademais de recordarlles que non deben acudir se teñen algún síntoma compatible coa Covid, recoméndaselles que antes de iniciar o curso infórmense ben sobre o médico e centro de saúde que lles corresponde.

Así mesmo, preparáronse dúas actividades formativas: unha sobre o sistema de videoconferencia que se empregará no Campus Integra, que permite combinar clases presenciais e as transmitidas polo Campus Remoto, e outra sobre o funcionamento básico da nova plataforma de teledocencia, Moovi.

Comentarios