Froiz e EDF Solar formalizan a compra das súas parcelas no polígono de Barro

O índice de ocupación é do 67,33% da superficie total do polígono, que conta con 258.436 metros cadrados
O deputado Carlos López Font co membro do Grupo Froiz. DP
photo_camera O deputado Carlos López Font co membro do Grupo Froiz. DP

Os grupos empresariais Distribucións Froiz e EDF Solar xa son titulares, a tódolos efectos, das súas parcelas no polígono de Barro. Os seus responsables formalizaron a adquisición dos terreos en Notaría, consolidando así os proxectos emprendidos tempo atrás coa reserva dos terreos e a construción das súas respectivas instalacións.

O deputado de Réxime Interior, Carlos López Font, asinou as escrituras de compravenda cos representantes de ámbalas dúas empresas. Deste xeito, Froiz pasa a ser titular de dúas parcelas agrupadas, con superficies de 44.826,93 e 27.847,82 metros cadrados respectivamente, reservadas no ano 2016 e sobre as que agora exercía "dereito de superficie". EDF (Energía, Innovación y Desarrollo Fotovoltaico) pasa a ser titular, pola súa banda, dunha parcela de 2.736,95 metros.

O polígono de Barro consolida así o crecemento que xa supuxo a chegada de Mafari Café e Panaderías Acuña, sumándose a firmas como Frutas Moncho, Caenor, EDF Solar, Gasóleos Xeve, Gescogra, Mariscos Alumar, González Cerqueiro, Hijos de Rivera, José B. González Villaverde, Novas Rías, Rafael Díaz Buceta, Balvalén, Áridos de Curro, TC Group Atlántico, Transfrío Rías Baixas SL ou Artesa Rías Baixas.

A día de hoxe o índice de ocupación é do 67,33% da superficie total do polígono, que conta con 258.436 metros cadrados. Van xa 48 parcelas vendidas, cunha superficie de 174.020 metros cadrados onde están a traballar 24 empresas. Restan outras 26 parcelas por vender.

Comentarios