Fumar e non usar máscara, as faltas máis castigadas na ponte de San Xosé

As forzas de seguridade detectaron un importante volume de tránsito de veciños doutros lugares de Galicia, pero só foron denunciados dous casos por saltarse o límite perimetral
Un policía durante la inspección de un local de Poio. DP
photo_camera Un policía durante a inspección dun local de Poio. DP

O ponte de San Xosé deixou tras de si un regueiro de sancións polo incumprimento das medidas anticovid e de novo o mal uso da máscara e fumar na vía pública situáronse entre as faltas máis detectadas e castigadas polas forzas de seguridade. 

Tamén houbo denuncias por incumprir as condicións receitadas para a volta á actividade da hostalería ou por saltarse á toureira a prohibición expresa de reunirse con persoas non convivientes en domicilio, pero non tanto por cuestións de mobilidade. A ponte animou a miles de pontevedreses a visitar outras paraxes da provincia ou distintos lugares da comunidade pero, a tenor dos partes oficiais, a gran maioría fíxoo respectando as liñas vermellas, sen poñer un pé nos concellos vetados e sen traspasar Galicia. 

No caso particular do municipio de Pontevedra, a Policía Local tramitou entre o venres e o domingo 35 denuncias, que, sumadas ás 20 cursadas nos días laborais, arroxan un total de 55 sancións na última semana. A maioría foron por non poñer a máscara (15) ou por fumar na vía pública (15), aínda que tamén houbo denuncias por non respectar o mínimo de persoas nas terrazas (7), reunións de non conviventes, consumo de bebidas na rúa ou por non respectar o toque de queda. 

A portavoz do Goberno local, Anabel Gulías, indicou este luns que houbo varios controis nas prazas por parte da Policía Local, pero que "nunha gran medida cumpríronse as restricións, especialmente na hostalería. Moitos dos controis —engadiu— realizáronse entre as 20.45 e as 20.55 para velar porque o desaloxo das terrazas sexa ordenado e tranquilo". 

A Policía Local de Pontevedra realizou varios controis nas prazas

ÁREA DE INFLUENCIA. No concello veciño de Poio a Policía Local tramitou 14 denuncias, a metade por un uso indebido da máscara e seis por fumar sen manter as distancias correspondentes.

Segundo engadiron fontes municipais, os axentes detectaron "un importante volume de tránsito de vehículos procedentes doutras vilas de Galicia", aínda que só denunciaron o caso dunha cidadá que se saltou o peche perimetral autonómico, correspondente a unha veciña de Valladolid, identificada na parroquia de Raxó sancionada por non poder xustificar o desprazamento. O corpo policial realizou ademais preto de 20 inspeccións en establecementos de hostalería sen chegar a tramitar ningunha infracción. 

En Sanxenxo cursáronse durante esta ponte once multas por non usar máscara, unha cifra que para o rexedor do municipio, Telmo Martín, "non parece excesiva para a cantidade de xente que houbo". 

O bo tempo animou moita xente a visitar o concello sanxenxino, pero segundo indicou o popular non se rexistrou "ningunha incidencia" relativa á chegada de persoas de fóra da comunidade, un perfil habitual nos areais sanxenxinos en tempos prepandemia. Ademais, Martín asegurou que o 98% das persoas que se moveron polo municipio respectan as normas anticovid e que no caso da hostalería a maioría dos incumprimentos débense a un comportamento "individual" das persoas que consomen nos locais e non tanto á responsabilidade ou non dos seus propietarios, "cansos de chamar a atención". 

En Poio tramitáronse 14 denuncias, en Sanxenxo 11 e en Vilagarcía 23 nunha semana

Mentres, a Policía Local de Vilagarcía tramitou na última semana 23 denuncias (o 87% o sábado), das que máis da metade tiveron que ver co incumprimento das medidas impostas para a hostalería, sobre todo por superar o aforamento e non sinalizar as mesas e cadeiras que non se poden usar. A esas súmanse tres denuncias por non usar máscara, catro por non respectar o toque de queda e dous por reunións de non conviventes en domicilios (prohibidas a partir desta ponte). 

A nivel provincial, a Policía Autonómica levou a cabo 55 dispositivos e 177 inspeccións que culminaron con 28 denuncias. O 54% polo incumprimento do uso obrigatorio da máscara, o 36% por non respectar o toque de queda e o 7% por non dispoñer do código de localización QR en negocios de hostalería. Só unha foi por superar o límite perimetral.

Comentarios