Gabriel Peso: "No meu caso, todo se reduce á música"

O pianista pontevedrés volve ao Festival de Jazz. Desta volta tocará no escenario principal, o da Praza da Ferrería. Farao 24 horas despois de acompañar a David Bisbal en Suiza.
Gabriel Peso durante un concerto. CEDIDA
photo_camera Gabriel Peso durante un concerto. CEDIDA

"Hai nada estaba xogando á pelota na Praza da Ferrería". Lémbrao Gabriel Peso (Pontevedra, 1987) para referirse a que se criou no centro mesmo da cidade. Pianista de jazz con proxecto propio e músico que traballa con estrelas do pop como David Bisbal ou Malú, hoxe pecha o XXVII Festival Internacional de Jazz e Blues de Pontevedra presentando o seu segundo álbum, Travesía.

Volve a Pontevedra, ao Festival de Jazz, no que xa estivo actuando en 2014 na Praza do Teucro. Agora vén a ocuparse da súa clausura no escenario principal, o da Ferrería. Vai ser este un concerto moi diferente ao outro?
Aínda que cada un de nós sexamos construtores do noso propio camiño, a vida vaite levando. Eu non teño nin idea do que vou facer o ano que vén ou onde vou estar. Pero ter tido a oportunidade de presentar o meu primeiro traballo, Sinapsis, no Teucro e poder volver agora, cinco anos despois, co novo disco, Travesía, á Ferrería, penso que é para estar moi contento. Foron cinco anos moi intensos,nos que me afinquei en Madrid e nos que toquei con multitude de artistas por todo o mundo. Constituíron unha viaxe persoal que desembocou neste novo traballo. O que hai entre un concerto e o outro é unha evolución. Eu creo que a esencia de Gabriel Peso, que é moi lírica, moi romántica, está sempre aí. Tamén seguen moi presentes as miñas influencias clásicas, do rock progresivo... Mesmo hai unha xota galega para trío de jazz no que o meu pai toca a gaita. Será unha das pezas que toquemos en Pontevedra.

No disco anterior xa había unha muiñeira. Mantén o seu interese pola música tradicional.
Por suposto. No folclore galego é onde me criei. No disco anterior fixen unha adaptación da Muiñeira de Ponte Sampaio.

Con catro aniños subiu ao escenario do Teatro Principal. Tivo claro dende crío que se ía adicar a isto?
A verdade é que a miña vida sempre estivo ligada á música. O meu pai toca en Os Alegres. E eu dende pequerrecho sempre me apuntaba aos seus ensaios. Collía calquera cousa, unha choca, unha pandeireta... e seguía o ritmo. Naquel concerto no Teatro Principal convidáronme a facelo tamén. Debía ser que non estorbaba, ía a tempo e lles facía graza. Finalmente, os Reis Magos trouxéronme o piano. Así comezou todo. Mentres os meus amigos xogaban pola rúa, eu estaba na casa co piano.

Esta semana vostede estivo en Guadalaxara co seu proxecto, en Bienne (Suiza) acompañando a David Bisbal e finalmente estará en Pontevedra. É moi difícil adicarse á música de xeito profesional?
É moi difícil. Eu síntome un privilexiado. Son moi afortunado por poder adicarme a isto. Tamén che digo que, no meu caso, todo se reduce á música. Música, 24 horas. O sacrificio que esixe isto é brutal: aprender unha chea de repertorios; viaxar constantemente; avións de 12 horas; un mes, ao mellor, sen pasar pola casa e tocando en 15 proxectos distintos... E non se pode fallar. Iso todo hai que encaixalo, asimilalo e facelo cadrar. Por unha banda, hai que estar moi preparado psicoloxicamente e, por outra, poñerlle moitas ganas e moita ilusión para poder aguantar. É un traballo moi duro, pero tamén moi satisfactorio. Así que non hai queixa.

Adaptei ao jazz a Muiñeira de Ponte Sampaio e agora, unha xota galega que toco co meu pai á gaita

Como aquel eslogan dunha radiofórmula nos 90, para vostede "sería terrible vivir sen música".
Para min a música éo todo. É a miña vida. En canto me ergo pola mañá vou directo ao ordenador a escribir música ou a facer arranxos. Os ensaios, as sesións no estudio, os concertos... Ás veces pregúntanme se non saio por aí, se non vou ao cine, e a verdade é que non. Algo de vida persoal teño, pero moi pouquiña. Non teño tempo! Eu sabía que este era o meu camiño dende cativo. Tamén xogaba ao fútbol, pero enseguida me decatei de que se Florentino Pérez non me quería, eu quedaría co piano (ri).

David Bisbal, Malú, Abraham Mateo... Traballa con moitas estrelas do pop. Como é a relación con elas?
A miña experiencia neste sentido é moi grata. Eu aprendín moitísimo de todos eles. Traballar como freelance para estes artistas gústame moito. Asumo a miña función con moita seriedade e con moita responsabilidade. Grazas a esta faceta puiden tocar en espazos como o Luna Park de Bos Aires, un escenario ao que subiron Frank Sinatra ou Elvis Presley. Ou o Auditorio Nacional de México. Ou ir a Los Ángeles. Co meu proxecto persoal é moi complicado chegar aí. O que non quita que nunca deixarei de lado a miña música. Sinto que é case a miña obriga como artista sacar o que levo dentro.

Comentarios