As Galerías Oliva terán unha nora e un tren para os máis pequenos en Nadal

A programación festiva do único centro comercial cuberto da cidade ofrecerá actividades gastronómicas, artísticas, creativas e musicais
Presentación del programa Nadal na Oliva, en las Galerías. JAVIER CERVERA - MERCADILLO
photo_camera Presentación do programa Nadal na Oliva, nas Galerías. JAVIER CERVERA - MERCADILLO

As Galerías Oliva terán un espazo capital na programación do Nadal municipal. O único centro comercial cuberto da cidade contará cunha nora e un "trenecito" para que os máis pequenos "o pasen ó grande" durante as festas. A iniciativa enmárcase dentro da campaña Nadal na Oliva, que se desenvolverá entre o 20 de decembro e o 4 de xaneiro.

A concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco, anunciou este xoves que estas atraccións acompañaranse cun amplo repertorio de actividades gastronómicas, artísticas, creativas e musicais dirixidas ao público infantil de entre tres e 10 anos. "Contarase tamén cun Espazo Contacontos, destinarase un tempo a coñecer as tradicións de Nadal en Galicia, por exemplo coa figura do Apalpador. E adicaranse varias sesións a descubrir como celebran estas festas noutras rexións do mundo, como Rusia, Brasil, Islandia, Nova Zelanda, Hawai, Nova York e Xapón", engadiu a edil socialista.

"Haberá un Espazo Contacontos e destinarase tempo a coñecer as tradicións de Nadal en Galicia", anuncia a edil de Promoción Económica

Un dos talleres previstos nas Galerías Oliva será a confección dun Xornal de Nadal, no que os participantes poderán exercer de xornalistas. "Recollerán novas, farán entrevistas e contarán as novidades e as anécdotas que acontezan neste espazo comercial", dixo Blanco.

O programa municipal tamén contempla a organización de xogos, tarefas plásticas, talleres de cociña divertida, yincanas pola zona, cancións e dinámicas de diversa índole. Todas aquelas familias que queiran inscribir aos seus fillos nestas actividades, que se desenvolverán en horario de 17.00 a 19.00 horas, deberán facelo a través de correo electrónico ([email protected]).

BOMBEIROS. Unha das actividades vinculadas ao Nadal, a xornada solidaria de portas abertas do Parque Municipal de Bombeiros, será aprazada. A Concellería de Benestar Social, que dirixe Pomba Castro, informou de que a iniciativa, que se ía a celebrar este domingo, trasladarase ao próximo 22 de decembro debido ao temporal previsto para este fin de semana.

O horario das terrazas ampliarase durante as festas ata as 2.00 horas, entre o 20 de decembro e o 6 de xaneiro

Os cidadáns que queiran colaborar poderán coñecer as instalacións do servizo de extinción de incendios de 10.30 a 14.30 horas. A recollida solidaria deste ano centrarase nos nenos, polo que se precisarán alimentos, artigos de hixiene (como cueiros), material escolar, roupa ou xoguetes.

ATA O 12-E. O programa festivo do Concello, que se estenderá ata o 12 de xaneiro, contempla como novidade a presenza de apalpadores "e apalpadoras" polo centro histórico de Pontevedra. Tamén haberá espazo para teatro, xogos e música.

O "gastroespacio" do Mercado, situado na primeira planta da Praza de Abastos, terá talleres para nenos e a pista de xeo regresará ao Recinto Feiral, entre o 20 de decembro e o 7 de xaneiro, grazas a Mundonadal.

Comentarios