A autoestrada de peaxe máis barata de España está no sur de Pontevedra

A Garda Civil de Pontevedra efectúa 1.350 probas de alcoholemia en dous días

Os axentes da Comandancia prestaron especial atención ao Sur da provincia pola celebración da Festa da Arribada en Baiona. 78 condutores deron positivo por alcol ou drogas

Os axentes do Subsector de Tráfico da Garda Civil de Pontevedra multiplicaron a súa presenza nas estradas durante o pasado fin de semana e puxeron en marcha varios dispositivos especiais encamiñados a reducir na medida do posible a sinistralidade viaria.

O Instituto Armado decidiu establecer a maior parte dos controis (en total, realizaron 1.350 probas de alcoholemia) en lugares estratéxicos situados na zona sur da provincia, debido á celebración da Festa da Arribada na vila turística de Baoina. O obxectivo era "detectar a aqueles condutores que non se atopaban en boas condicións e retiralos das vías públicas", sinalaron os axentes.

"Entre os obxectivos deste tipo de dispositivos está o de conseguir que os condutores adopten comportamentos máis seguros e, ao mesmo tempo, pór fóra de circulación aos que, aproveitando as festas, consuman drogas ou alcol superando os límites establecidos", engaden os funcionarios da Garda Civil de Tráfico.

INFRACCIÓNS. Os axentes da Comandancia de Pontevedra controlaron a posible comisión de toda clase de infraccións, pero prestaron unha especial atención ao consumo de alcol e de drogas. Así, nas 1.350 probas de alcoholemia efectuadas durante o fin de semana polos funcionarios, 53 persoas foron denunciadas por exceder os límites máximos establecidos.

En canto ás drogas, o 25% dos condutores que foron obxecto de investigación (20 persoas) deron positivo nos 80 tests de saliva que levaron a cabo os axentes.

En canto ás sancións, todas as que foron propostas pola vía administrativa polo exceso de alcol ou a presenza de drogas no organismo poden traducirse en sancións que alcanzan os 1.000 euros e a detracción de seis puntos do carné. "Conseguíronse evitar accidentes de circulación e reducir as vítimas", explicaron.

Comentarios