A gastronomía mexicana será a protagonista dos vindeiros talleres do Ganapán

Para participar cómpre inscribirse por correo electrónico ata as 16.00 horas do día anterior á celebración da actividade
Unha participante nunha actividade do Ganapán. DAVID FREIRE
photo_camera Unha participante nunha actividade do Ganapán. DAVID FREIRE

O programa de lecer infantil O Ganapán, impulsado no Mercado de Abastos pola Concellería de Promoción Económica e Turismo, propón esta fin de semana aos máis pequenos unha viaxe pola gastronomía e a cultura de México.

Entre as actividades deseñadas, orientadas a nenos e nenas de catro a dez anos, inclúense talleres de elaboración de ‘fajitas’ e nachos (no Espazo Gastro) e obradoiros de manualidades nos que se crearán elementos artísticos representativos da idiosincrasia azteca e mesmo uns divertidos mariachis.

A concelleira de Promoción Económica e Turismo, Yoya Blanco, convida aos rapaces de Pontevedra "a cruzar o océano Atlántico para visitar México" e participar "no que será a celebración dunha festa mexicana en condicións, con música e comida colorida e moi divertida".

A edil socialista lembra que, para asistir ás actividades (que se celebrarán en ámbalas xornadas en dúas sesións, ás 11.00 e ás 12.30 horas, con seis nenos por grupo), "será necesario reservar praza previamente na dirección de correo electrónico oganapan@ gmail.com, pechándose as inscricións ás 16.00 horas do día anterior ao desenvolvemento das mesmas".

A exploración da cultura gastronómica mexicana iniciarase o sábado 5 coa preparación dunhas fajitas por parte dos pequenos que pareticipen e continuará na sesión o domingo 6, coa elaboración doutro plato típico mexicano, uns nachos.

Comentarios