O Goberno central quere negociar o traslado de Ence da ría

O PSOE di que debe ser o alcalde de Pontevedra o que lidere esta mesa, na que estaría o Estado, a Xunta, a Deputación, o Concello e a empresa ► O Goberno local cre que a iniciativa socialista é unha manobra "electoral" e insta o Goberno de Sánchez a confirmar se hai "cartos" para esa recolocación

Imagen de la factoría desde Lourido. ALBA SOTELO (ADP) - Ence
photo_camera A factoría de Ence, vista desde Lourido. ALBA SOTELO (ADP) - Ence

O traslado de Ence fóra da ría volve á palestra política. E faino por boca da dirección local do PSOE, que na mañá deste mércores asegurou en rolda de prensa que o Goberno central está disposto a negociar a recolocación da pasteira. Segundo a formación, que o pasado venres mantivo unha reunión con altos cargos da Administración Xeral en Madrid, esta vía é viable.

Os socialistas sosteñen que debe ser o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, o que lidera esta mesa de diálogo, unha iniciativa que xa se expuxo hai anos sen éxito pola negativa da empresa a irse de Lourizán. "O alcalde está para algo máis que para poñerse detrás dunha pancarta", asegurou o secretario de Organizacíon do PSOE, Agustín Fernández, que compareceu xunto á líder do partido a nivel municipal, Maica Larriba, e a responsable de Medio Ambiente, María Pierres.

A negociación exposta contaría coa presenza de todas as administracións implicadas na procura dun novo emprazamento, isto é, o Estado, a Xunta, a Deputación e o Concello de Pontevedra, ademais de coa propia compañía. 

O que non se aclarou é se a Administración de Madrid estaría disposta a pór diñeiro encima da mesa para facer efectivo ese traslado. A este argumento agarrouse o concelleiro de Infraestruturas, Cesáreo Mosquera, para asegurar que a proposta do PSOE responde a unha manobra "electoral de curto percorrido". O nacionalista compareceu ante a prensa despois de que Lores remitise a resposta do Goberno local neste edil.

Mosquera insistiu en que espera que o Goberno central remita un escrito confirmando a súa intención de negociar un traslado "e a poñer cartos". "Se cadra o traslado custa 800 ou mil millóns de euros", indicou. "Quen ten competencia para actuar aí é ou Estado", subliñou.

O edil do BNG espera que o Executivo socialista "achande" a postura dos avogados do Estado no recurso xudicial contra a prórroga a Ence, que Pedro Sánchez non revisará finalmente pola vía administrativa por estar pendente do que digan os tribunais. Esta postura acaba de serlle comunicada oficialmente ao Concello de Pontevedra, que este martes recibiu un escrito da Secretaría de Estado de Medio Ambiente no que se confirma a postura do Goberno central respecto diso.

Comentarios