O Goberno local reclama a Montoro que libere os fondos europeos

González Carballo teme que a reforma da primeira planta do Mercado e a rehabilitación do Multiusos da Xunqueira se atrase ata 2019 â??"A preocupación é máxima", di o portavoz municipal, que espera que o Ministerio de Facenda desbloquee os proxectos para iniciar as obras

Imagen de la primera planta del Mercado de Abastos de Pontevedra, que será reformada. DP
photo_camera Imaxe da primeira planta do Mercado de Abastos de Pontevedra, que será reformada. DP

No caixón. Aí seguen os dez millóns de euros que a Unión Europea concedeu a Pontevedra para cofinanciar distintos proxectos e obras. O encargado de liberar estes fondos é o Ministerio de Facenda, ao que o Concello se dirixiu en varias ocasións para saber cando se vai a transferir ese diñeiro.

Polo momento, o departamento que dirixe Cristóbal Montoso non deu ningún prazo concreto. E así o recordou este luns o portavoz municipal, Raimundo González Carballo, que informou de que o Goberno local está a piques de pechar a adxudicación dos dous primeiros proxectos incluídos nesta convocatoria sen que haxa noticias concretas sobre o seu financiamento.

As obras en cuestión, que son "prioritarias" para o Executivo nacionalista, son a reforma da primeira planta do Mercado de Abastos e a rehabilitación integral do Pavillón Multiusos da Xunqueira. Ningún destes traballos, que contan cun orzamento total de máis de 2,3 millóns de euros, poderán empezar ata que Facenda transfira o diñeiro.

A Mesa de Contratación reunirase para tratar de pechar a adxudicación das dúas obras, que suman 2,3 millóns de euros

 

A actuación na Praza conta cun investimento inicial de 279.292,78 euros e a da instalación deportiva ascende 2.106.040,59 euros. A Mesa de Contratación, que é o organismo que se ocupa de resolver a licitación de ambas as obras, reunirase este martes co obxectivo de pechar o proceso e propor unha empresa adxudicataria.

No primeiro proxecto, o do Mercado, a Mesa resolverá as baixas temerarias de dúas das 15 empresas que compiten por este contrato, que ten un prazo de execución de dous meses. En canto ao segundo plan, o do Multiusos, procederase á apertura das propostas económicas. Se non se aprecia ningunha irregularidade, é posible que os técnicos tamén resolvan a adxudicación.

OUTROS PROXECTOS. González Carballo calcula que se nun prazo de 15 días non hai resposta por parte do Goberno de España, ambos os proxectos sufrirán unha demora e non poderán estar listos este ano. Dáse a circunstancia de que a reforma do Multiusos prevese para o verán, que é a época na que hai menos actividade. Polo tanto, no caso de que non se apuren os prazos, as obras nesta instalación terían que posporse ao período estival de 2019.

"A preocupación é máxima, dado que pode dar ó traste coa execución de ambos os proxectos para este ano", recalcou o portavoz do Concello, que recoñeceu que outras actuacións, como a peonalización da ponte do Burgo e a reforma da Rúa Gorgullón, por onde pasa o Camiño Portugués a Santiago de Compostela, aínda poderían entrar no calendario previsto se os fondos europeos Feder libéranse xa. Ambas as actuacións contan cun orzamento de 2,5 e 1,5 millóns de euros, respectivamente.

Comentarios