Google impartirá obradoiros inéditos na vindeira edición do Pont-Up Store

Un workshop servirá para empoderar as mulleres e visibilizar o seu papel nas empresas e unha charla dará as claves para lograr os obxectivos profesionais ▶ A inscrición está aberta

Unha das sesións do Puntazo Exprés na edición de 2017. DAVID FREIRE
photo_camera Unha das sesións do Puntazo Exprés na edición de 2017. DAVID FREIRE

O Pont-Up Store que se celebrará en Pontevedra entre o 20 e o 22 de setembro incluirá uns obradoiros inéditos impartidos pola multinacional Google. O prazo de inscrición para participar neles xa está aberto, segundo informou a organización este martes. 

Google, como empresa convidada, impartirá por primeira vez en España o workshop ‘I am Remarkable’, unha iniciativa para empoderar mulleres e convidalas a que celebren os seus logros no ámbito profesional. Esta actividade está dentro dos obxectivos marcados para este ano pola organización para visibilizar o papel feminino na empresa. 

A facilitadora Isabel Gracia dirixirá esta actividade, que ten como público obxectivo a mulleres que queiran emprender ou que estean na procura de emprego. Celebrarase na aula do segundo andar da Casa das Campás o xoves 20 (de 11.00 a 12.30) e a inscrición deberá facerse nesta web. O venres 21 será de 12.30 a 14.00 horas. Cada unha das quendas terá un aforo máximo de 15 mulleres. 

Ademais, Google impartirá tamén unha charla inspiracional baixo o título ‘Tips para a túa marca persoal + Mentorías Exprés’, a cargo da experta Loreto Gómez, que enfocará a sesión a mostrar as claves da xestión da marca persoal e orientar na creación dunha estratexia para que os participantes consigan os seus obxectivos profesionais. Ao remate da sesión informativa será posible consultar dúbidas con ela en sesións individuais. Terá lugar o xoves de 17.00 a 18.45 horas, tamén na Casa das Campás, e a inscrición debe facerse neste enlace. O público obxectivo son homes e mulleres que queiran emprender ou redirixir a súa carreira, pero está aberto a calquera persoa. O aforo é de 50 persoas.

O Pont-Up Store celebrará a súa quinta edición "consolidado xa como o maior encontro do novo emprendemento en Galicia", asegura a organización. "Unha experiencia única e transformadora" na que se van dar cita centos de persoas con talento, creatividade, e espírito emprendedor.

O punto central volverá ser a carpa situada na Praza de España o venres 21 e o sábado 22, onde será posible coñecer as mellores iniciativas de emprendemento do país e participar nas actividades de dinamización que se desenvolverán no espazo central. A organización seleccionou 45 emprendementos entre un total de 144 candidaturas procedentes de toda Galicia, o que supón un 10% máis que na anterior edición. Este ano, ademais, duplicouse o número de emprendementos do ámbito tecnolóxico e incrementouse notablemente a calidade das iniciativas, o seu potencial de desenvolvemento, o carácter social e o enfoque sostible de moitas delas.

MAPA EQUILIBRADO. Esta edición confirma tamén un mapa galego de emprendemento cada vez máis equilibrado entre as cidades e o rural, que achega o 40% do total das propostas. As novas tecnoloxías volven achegar as propostas máis impactantes, seguidas por ideas moi innovadoras procedentes dos sectores da saúde e o benestar, o turismo, o téxtil, a gastronomía, a cosmética e a xestión cultural.

Destas 45 empresas, 37 contarán cun stand gratuíto para mostrar os seus productos, ideas e servizos, e 6 terán tamén a oportunidade de participar no programa de actividades demostrativas, desenvolvendo propostas tan interesantes como un obradoiro de preparación de alimentos con impresión 3D, un taller de lectura con cans e xincana canina en alianza con Cans Terapia, un  obradoiro de robótica para aprender a montar un Stick Arcade basado en Raspberry PI, torneos de videoxogos, unha demostración de técnicas de pigmentación prehistórica, un showcooking de receitas saudables, ou a presentación da nova cooperativa Músicas ao Vivo.
 
A pouca distancia da Praza de España, nas instalacións da Facultade de Belas Artes, o Fab Lab Laboratorio Creativo achegará a partir do xoves 20 sete obradoiros dirixidos a diferentes públicos, que terán a oportunidade de vivir a experiencia da fabricación dixital e adentrarse tamén no mundo da robótica. Así mesmo estrearase o Espazo Gaming, para achegar o emprendemento da man dos videoxogos, a través de torneos e varios talleres prácticos que se desenvolverán na Escola de Restauración e que serán retransmitidos por un coñecido caster. No Espazo ECOBAS ofreceranse actividades para proporcionar formación e recursos a aquelas persoas emprendedoras que aposten pola economía social; e haberá tamén un Espazo de Desenvolvemento de Competencias e do Ecosistema Emprendedor, que conta por primeira vez co apoio de Google.

PUNTAZO EXPRÉS. Así mesmo, terá lugar o Puntazo Exprés, onde dez novas empresas galegas terán a oportunidade de explicar en cinco minutos o seu emprendemento a cinco executivas de grandes empresas e entidades galegas: África González, directora do Centro de Investigacións Biomédicas da UVigo e presidenta da Sociedade Española de Inmunoloxía e promotora da empresa spin-off NanoInmunoTech; Piedad Varela-Portas, socia, cofundadora e responsable de comunicación e RSE da empresa de agroalimentación ecolóxica Pazo de Vilane; María Caldeiro, xerente de Fundamar; Lucía Gregorio, adxunta á dirección de Redegal, empresa punteira en e-commerce e apps para IOS, Android e Windows Phone, e Teresa Fernández-Valdés, executiva de Bambú Producciones, considerada unha das mulleres máis poderosas da televisión.

Como novidade, este ano as presentacións de Puntazo Exprés serán abertas ao público.

Comentarios