O Gorgullón estrea rúa

Decenas de veciños participaron este domingo na inauguración do viario, que conta con 9.000 leds de cor lavanda
Fiesta de inauguración de la reforma integral de O Gorgullón. DAVID FREIRE
photo_camera Festa de inauguración da reforma integral do Gorgullón. DAVID FREIRE

Multitudinaria estrea no Gorgullón. Decenas de veciños participaron este domingo no acto festivo que serviu para inaugurar a reforma integral da rúa, na que se investiron máis de 1,2 millóns de euros e que cambiou a súa fisionomía ao implantarse unha plataforma única para dar prioridade de paso ao peón.

A xornada contou con música en directo, un magosto popular e unha exposición co antes e o logo da zona. O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, foi o encargado de presidir o acto, no que tamén estiveron presentes boa parte dos concelleiros do BNG. Entre eles, Anabel Gulías, Carme da Silva, Pilar Comesaña, Demetrio Gómez Junquera, Eva Villaverde e Alberto Oubiña. Concelleiros do PP tamén asistiron o evento.

Ademais da renovación de todos os servizos subterráneos, as obras no Gorgullón serviron para instalar nova iluminación na rúa. A máis rechamante é a que se colocou no chan para marcar o paso do Camiño Portugués a Santiago. Trátase de bandas lumínicas de cor lavanda con 9.000 leds que sinalan o itinerario xacobeo.

A reurbanización da vía, que executou EC Casas e que o Concello recepcionou o venres pasado, supuxo a eliminación das prazas de aparcadoiro que ata agora había na rúa. O proxecto incluíu o cambio de sentido de circulación, de Sur a Norte.

As dúas vías transversais (Rúa da Moa e Travesía Eduardo Pondal) quedaron en dirección Eduardo Pondal e a Rúa do Muíño foi peonalizada. A pendente desta última rúa salvouse coa instalación dunhas escaleiras.

O primeiro tramo do Gorgullón ten máis pendente para unirse coa futura praza que a Xunta creará fronte á estación de autobuses de Pontevedra, cuxas obras de reforma empezarán en breve.

Comentarios