domingo. 20.09.2020 |
El tiempo
domingo. 20.09.2020
El tiempo

Gozar das Rías Baixas en veleiro desde 300 ata 700 euros ao día

Porto Deportivo de Sanxenxo. ADP
Porto Deportivo de Sanxenxo. ADP
A demanda de embarcacións de recreo triplícase con respecto á tempada pasada

O verán da Covid está a afectar, positivamente, o aluguer de barcos en Sanxenxo. Lonxe de verse afectado, o chárter náutico atópase nun momomento de forte incremento, triplicándose a demanda en comparación a anos anteriores. "Temos 25 barcos e case todos os días están todos alugados", explica Pablo García, representante de Sexa ‘Galicia', axencia de aluguer de embarcacións en Sanxenxo.

Poder pasar unha semana gozando do mar non está ao alcance de todos. Aínda que se trata dun sector en auxe, son poucos os privilexiados que se poden permitir este tipo de lecer náutico. O aluguer dun veleiro por día pode custar entre os 500 e 700 euros, alcanzando os 2.800 euros unha semana completa. As variacións de prezo dependen do tamaño da eslora e das distintas comodidades incluídas como o número de camarotes. Pola súa banda, os iates ven incrementado o seu prezo porque consomen máis gasolina. O aluguer destas embarcacións ascende a prezos entre os 800 e 1.500 euros ao día.

A opción estrela, sen dúbida, para este verán, son os catamaráns. O principal motivo é o seu gran tamaño así como a posibilidade de realizar actividades como tomar o sol nun gran espazo. "O seu prezo, ás veces, fai que a xente se bote un pouco para atrás", confirma Pablo García. Gozar dunha xornada completa nestas grandes embarcacións oscila entre os 2.000 e 6.000 euros.

O que tamén cambiou esta tempada, é o tempo de arrendamento das embarcacións. Anteriormente adoitaban ser alugadas por horas, como máximo unha xornada completa. Actualmente, os turistas prefiren combinar o turismo en terra co turismo de navegación. O habitual, segundo afirma Pablo García, é que a xente "pase un par de días no hotel ou chalé que teñan alugado e despois prefiran pasar entre tres e catro días navegando".

As rutas favoritas de quen deciden pasar uns días no mar son a ría de Pontevedra pasando por Combarro, Bueu, Aldán, as illas Ons ou Cíes. Outra das opcións de navegación máis demandadas é partir cara á praia da Lanzada e fondear no porto de San Vicente do Mar.

O principal motivo que está a fomentar este tipo de alugueres é a seguridade desta alternativa fronte ao coronavirus. "é moi seguro e a resposta está a ser desbordante", recoñece Pablo García. Trátase de embarcacións privadas e con exhaustivos protocolos que se reforzan como alternativa de lecer á marxe de multitudes.

O porto de Sanxenxo e o aquiler de barcos sempre foi unha das opcións favoritas dos turistas internacionais que visitaban a localidade. A diferenza é que este ano os españois tamén se están sumando a esta oferta. A maioría de reservas de embarcacións de recreo pertencen a clientes españois. 

Está claro que descubrir as Rías Baixas a bordo dun iate, veleiro ou catamarán, é unha das opcións favoritas para este verán.

En Combarro o aluguer de particulares oscila entre 375 e 1600 euros
O porto deportivo de Combarro non aluga embarcacións en se, soamente os amarres. Con todo, son moitos os particulares que logo alugan as súas propias embarcacións. Pódese gozar dun veleiro de 12 metros de eslora por 375 euros ao día ata un de 17 metros por 1.600 euros.

Outra opción é recorrer á empresa Cataventos onde alugar un veleiro con capacidade para doce persoas rolda os 500 euros por día. é necesario o título de patrón.

Gozar das Rías Baixas en veleiro desde 300 ata 700 euros ao día
comentarios