Un grupo de consumo ou paneis solares para facer un campus máis sustentable

O Comité Ambiental do Green Campus aprobou o plan de acción para este curso, con máis de 70 medidas; o pasado cumpriuse o 66% ▶ Os retos son lograr unha maior participación da comunidade educativa e incluír o medio ambiente nos currículos
Integrantes do comité ambiental antes da reunión deste mércores, na sede da Vicerreitoría. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera Integrantes do comité ambiental antes da reunión deste mércores, na sede da Vicerreitoría. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

A instalación de paneis solares, a posta en marcha dun grupo de consumo de alimentos de proximidade ou a creación dunha horta ecolóxica son algunhas das propostas incluídas no plan de acción do proxecto Green Campus para o presente curso. Outras pasan por organizar xornadas e medidas de concienciación e de redución dos consumos. O Comité Ambiental deste programa, que permitiu ao campus converterse no primeiro de España distinguido coa bandeira verde que outorga a Fundation for Environmental Education (FEE), celebrou este mércores a xuntanza na que se debateu e aprobou esta folla de ruta, integrada por máis de 70 accións.

Xunto aos representantes da UVigo, participaron o edil de Desenvolvemento Sostible, Iván Puentes, e representantes de diversos colectivos, así como un representante de Adeac, responsable de xestionar en España o programa da FEE. "Trátase dun proxecto que queremos visibilizar, non só no propio campus, senón tamén entre a sociedade pontevedresa", salientou o vicerreitor do campus, Jorge Soto. Tamén lembrou a intención de peonalizar parte do espazo central do campus.

O director do Campus Crea e Green Campus, Carlos Souto, explicou que este plan reunía "máis de 70 accións" a falta de concretar as que puidesen proporse na xuntanza. Articulado en torno a nove eixos, consta dun bloque de medidas orientadas á optimización do consumo de auga e enerxía (labores de sensibilización, a progresiva substitución das luminarias por leds, a colocación de paneis solares fotovoltaicos en Ciencias da Educación e Ciencias Sociais ou a instalación de puntos de carga para coches eléctricos).

MOBILIDADE. En canto á redución da emisión de residuos e mellora da recollida selectiva, propóñense medidas para promover a reutilización e o correcto tratamento de diferentes tipos de residuos e tres novas semanas de recollida de Residuos de Aparellos Eléctricos e Electrónicos (RAEE). No referido á mellora da mobilidade e accesibilidade, o documento contempla a implantación de medidas correctoras tomando como punto de partida o plan de accesibilidade elaborado en 2015, a organización de xornadas ou o desenvolvemento de campañas dirixidas a promocionar os estilos de vida activos ou a auga da billa. Outro dos eixos céntrase na biodiversidade, reforestación e adecuación de zonas verdes. Inclúense accións como a plantación de especies aromáticas e medicinais, a creación dunha horta ecolóxica ou a plantación de frondosas e sinalización de árbores singulares.

No referido á compra verde e consumo responsable, destaca a proposta de pór en marcha un grupo de consumo, "de modo que poidamos participar na compra de produtos ecolóxicos e de proximidade, para que haxa menos transporte e diminuír a pegada de carbono", explicou Souto.

Un dos "retos importantes deste programa", salientou, pasa por fomentar unha maior participación da comunidade universitaria nas diferentes iniciativas, así como promover "o voluntariado ambiental" no campus. O plan contempla unhas xornadas de difusión do Green Campus, unha aplicación que permita empregar termos botánicos para a busca de exemplares no arboreto do campus, exposicións ou concursos.

Tamén se quere promover "que nos currículos dos estudantes se contemple como parte dos contidos a súa actividade en cuestións de educación ambiental", algo que xa está presente nalgunhas titulacións pero que buscarán promover como unha "destreza transversal". Así, promoveranse medidas para incluír temáticas ambientais nas guías docentes e nos traballos de fin de grao e de fin de mestrado.

O plan do curso pasado estaba formado por preto de 60 medidas das que "se cumpriron ou estanse cumprindo máis de 40", como a ampliación do carril bici ou o arboreto. Algunhas continuarán e outras, como a instalación de pantallas acústicas na avenida de Compostela, "non dependen soamente de nós", apuntou Souto.

Comentarios