Grupo Vithas abre na cidade un centro médico con 22 especialidades

As instalacións que a empresa ten en Eduardo Pondal sufriron un proceso de ampliación e remodelación
Centro médico de Vithas en Pontevedra. EUROPA PRESS
photo_camera Centro médico de Vithas en Pontevedra. EUROPA PRESS

O Grupo Vithas consolida a súa presenza en Pontevedra a través da apertura dun novo centro médico ampliado e remodelado, que conta con 22 especialidades. Atópase no número 68 da rúa Eduardo Pondal –nas instalacións que ocupaba Fimega– e pasa de ser un centro de fisioterapia e rehabilitación médica a contar cunha vintena de especialidades, mantendo as súas 12 cabinas de fisioterapia e incrementando ata nove as consultas, fronte ás dous anteriores.

Tras un "importante investimento", explican os seus responsables, superior aos 550.000 euros, o centro médico convértese nun centro asistencial de preto de 700 metros cadrados e con equipamento médico específico como o de otorrinolaringología, cunha cabina de audiometría específica e unha zona especialmente dedicada a esta especialidade.

Tamén se remodelou a sala de espera, cumprindo as novas normas de distanciamento social. A reapertura destas instalacións produciuse cumprindo con todas medidas de seguridade, que inclúen dispensadores de xel hidroalcólico e a distancia necesaria nos mostradores de atención ao público.

A partir de agora, Vithas abre neste centro consultas de cirurxía xeral, cirurxía vascular e anxioloxía, dixestivo, medicina estética, nutrición, otorrinolaringoloxía, psicoloxía, psiquiatría, cardioloxía, medicina xeral, psiquiatría e traumatoloxía. Tamén haberá consultas das Unidades Especializadas de Lesionados de Tráfico, de Mama, de Reprodución Asistida, de Sobrepeso e Obesidade e de Chan Pélvico, ademais das de fisioterapia e rehabilitación e pilates, que xa existían.

Ao mesmo tempo, Vithas Pontevedra puxo en marcha tamén a cita online (a través da páxina web www.vithas.es) para as especialidades médicas.