Gustavo Almeida: "Eu non son poeta: fago cancións"

O produtor Nacho Mañó traballou co cantautor brasileiro no seu cuarto disco, o mesmo que presentará este sábado nese concerto anual que celebra en Pontevedra rodeado de amigos e colaboradores

Gustavo Almeida. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera Gustavo Almeida. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

Tras encher a Praza da Peregrina no concerto que ofreceu nas festas de agosto, "un dos momentos máis felices da miña vida", Gustavo Almeida (Río de Janeiro, 1978) rodéase de amigos e colaboradores para presentar no Museo (este sábado, 19.00 horas, Sexto Edificio, entrada libre) algúns temas do seu novo traballo, o cuarto da súa traxectoria. Nacho Mañó (Presuntos Implicados) foi o produtor deste álbum, no que Almeida mestura pop con canción de autor de Brasil e colabora coa poetisa pontevedresa Carmen Quinteiro. Fue de repente é o seu single de adelanto (gustavoalmeida.com).

Este cuarto disco supón moitos cambios con respecto a traballos anteriores?
A miña bandeira é que sigo atopando ao Gustavo Almeida do primeiro disco e do segundo e do terceiro neste novo traballo, aínda que loxicamente hai unha evolución. Tanto a nivel persoal como interpretativa e compostiva. A produción si que é diferente. Ao ser producido por un grande da música en España penso que se nota tamén.

Como entrou en contacto con Nacho Mañó e que cre que lle achegou á súa música?
Pois coñecémonos en Madrid na presentación dun disco. Foi un encontro moi natural. Comezamos a falar de música e, de repente, estabamos comentando cousas de Caetano Veloso, de Chico Buarque, de Gilberto Gil... Enseguida vimos que compartiamos ese amor pola música brasileira. Seguimos en contacto e cando comecei a preparar o novo disco falamos para que o producise. Estabamos de acordo en unir o meu lado brasileiro con outro de pop elegante e sofisticado, no que el está máis especializado.  

O único que cambiou é que sinto unha maior responsabilidade á hora de reclamar espazos para a música en directo



De feito, así o manifestou el mesmo. "El trabajo con Gustavo Almeida ha sido una oportunidad de conjugar dos de mis pasiones: el pop más sofisticado y la canción de autor de Brasil".
Antes preguntábasme polas diferenzas máis importantes deste disco con respecto aos anteriores. Ben, pois penso que ten que ver coa produción. Porque a maior diferenza podería ser a claridade de ideas coa que traballamos con respecto á miña música. Atopeime con Nacho Mañó no momento perfecto. É o produtor ideal para este disco porque coñece moi ben o pop español e as miñas raíces.

Coida vostede especialmente as súas letras. Traballou coa poetisa pontevedresa Carmen Quinteiro.
Neste disco hai coautorías de letras con ela e hai arranxos de letras feitos por ela. Hai cancións que naceron de poemas seus e outros temas que comezaba eu e que remataba ela. Dicíalle: "Veña, Carmen, imos a engadirlle a esta o toque ‘quinteiro’". E acababámola xuntos. Hai varias cancións nas que ela puxo o seu corazón.

Porque entende que o que vostede fai é poesía?
Non, non, non. Para nada. Pono en negriña se fai falla: eu non me considero poeta. Téñolles moito respecto. Gustaríame dicilo alto e claro nunha época na que a todo o mundo publica un libro. O outro preguntábanmo ata con algo de sorpresa: ‘¿Pero no vas a sacar un libro?.

É que moitos colegas cantautores están tendo moito éxito cos seus libros de poesía.
Si, si, se non digo que non. Pero non é o meu caso. Eu non quero que digan que son poeta. Eu fago cancións. Mira, o que eu fago sería como pilotar un bimotor, mentres un poeta leva un Boeing. Eu véxoo así.

Como vai ser o concerto no Museo de Pontevedra?
Será, como outros anos, un encontro entre diferentes formas de cultura. Ademais de música e poesía, noutras edicións houbo teatro, pintura... Por outro lado, prodúcese un encontro entre as miñas cancións e as dos meus convidados. Nesta ocasión estarán os músicos Frank Gorris, á batería; Edgar Vero, ao piano e ao baixo;  Alberto Vilas, tamén ao piano, e Samu Gamallo, á guitarra. Ademais estarán os cantantes e compositores Jorge Casal e Carlos Zanetti. Fóra do ámbito musical, na parte literaria, contaremos co escritor David Neira.

É o primeiro concerto grande que dá en Pontevedra despois do das Festas da Peregrina. Que recordos garda del?
Creo que foi o concerto máis agardado da miña vida e unha das noites máis bonitas que vivín nunca. Se puidese quedaría alí para sempre. Fun moi feliz ese día, nesa praza, onde vin tantos concertos e onde xogo cos meus fillos. Sentín unha emoción moi grande.

Segue significando a música o mesmo para vostede que o día que comezou a tocar?
Si, eu diría que si. Nese sentido, non sinto o peso da loita, que é diaria. Apaixóname tanto o meu traballo que sinto a mesma frescura que o primeiro día. Ou incluso a mesma que antes de comezar a tomalo en serio, porque eu sempre cantei. O único que cambiou é que sinto unha maior responsabilidade á hora de reclamar espazos para a música en directo e, en concreto, para a música orixinal, a música que estamos a crear os creadores. Iso si. Antes quizais non lle daba tanta importancia a estas reivindicacións. Agora sinto que estou máis implicado.