Habilitan unha sala próxima a Urxencias para evitar os ingresos nos corredores

A incidencia da gripe vai en ascenso e xa hai constancia de 56 casos confirmados en Montecelo, a maioría de tipo A O plan de continxencia xa está activado desde o mércores
Personal sanitario en la entrada de Urxencias. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Persoal sanitario na entrada de Urxencias. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

Tal e como avanzaba o xoves a este xornal a directora de Procesos Asistenciais, Sonia Fernández-Arruty, iniciáronse obras no Hospital Montecelo para intentar pór punto e final aos ingresos en corredores, así como ao bloqueo dos boxes de Urxencias que está a ter lugar con pacientes pendentes de cama.

O proxecto consiste na habilitación nunha sala "moi próxima a Urxencias", á que está previsto derivar aos enfermos pendentes de hospitalización unha vez que foron examinados polo persoal médico. "O futuro Gran Montecelo resolverá a falta de espazo que temos en Urxencias, pero mentres tanto estámolo intentando emendar habilitando unha sala para os pacientes que teñen orde de ingreso, o que nos permitirá non bloquear boxes e deixar libre máis espazo", precisou Fernández-Arruty.

GRIPE. O departamento de Microbioloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra (CHUP) confirmou ata a data 56 casos positivos de gripe, dos que 24 requiriron de ingreso.

Doce seguen hospitalizados e dous incluso tiveron que ser trasladados á Unidade de Coidados Intensivos (UCI). Oficialmente, o pico non empezou, pero o virus xa se atopa en fase epidémica e a súa incidencia vai en ascenso. "Desde a semana pasada estamos a ter unha media de entre tres e catro casos ao día, a inmensa maioría do tipo A. De feito, pensamos que a vacina foi efectiva, porque a maior parte dos pacientes que se están vendo en Atención Primaria son adultos mozos que consultan por cadros compatibles coa gripe, é dicir, xente que non tiña indicación de vacina", indicou a directora de Procesos Asistenciais.

Coa previsión de que o pico da gripe é inminennte, a dirección activou o pasado mércores o plan de continxencia, sobre todo "porque empezamos a ver que os positivos estaban en aumento e que o hospital estaba cun alto índice de ocupación. O plan de continxencia permite ordenar un pouco máis os ingresos e, ademais, implicou contar cun microbiólogo de tarde que nos axiliza as probas da gripe", precisou Fernández-Arruty.

Dito plan, elaborado por responsables de distintos servizos da área sanitaria, que contempla unha "xestión eficaz" dos espazos para manter aos enfermos o máis illados posible; se é necesario, en zonas utilizadas outros anos como espazos de illamento, como a sala de endoscopias ou as de cirurxía ambulatoria.

Dese o inicio da gripe e ata o pasado día 15 (última actualización dispoñible) houbo 237 ingresos con gripe confirmada, dos que 44 portaban o virus tipo B, un o tipo C e 192 o tipo A; e 21 dos afectados necesitaron asistencia na UCI. Ademais, 188 tiñan indicada a vacina, pero máis da metade (109) non estaban vacinados.

Entre o total de ingresos notificáronse tres falecementos en Galicia por mor da gripe.

Comentarios